As claves da coexistencia entre lobo e gandería

PRESENTA UN INFORME ONDE SE CUANTIFICA O ALCANCE DOS DANOS Á GANDERÍA, NO QUE DEMOSTRA QUE AS PARTIDAS QUE DESTINA A XUNTA SON MANIFESTAMENTE INSUFICIENTES
Publicado por o día 01/09/2018 na sección de ADEGA,Medio Ambiente,Social

As claves da coexistencia entre lobo e gandería

Ante as diferentes noticias saídas nestes días sobre o lobo en relación ao incremento no número de danos á gandería, dun suposto incremento das súas poboacións, e da demanda para que se autoricen controis da súa poboación, coma solución ao problema, achégase mediante este documento unha serie de consideracións co propósito de incorporar cuestións que entendemos fundamentais para abordar e entender que acontece neste conflito entre lobo e gandería.

Dende ADEGA defendemos que a coexistencia entre o lobo e a gandería non só é posible, senón que moi necesaria para manter a saúde dos nosos ecosistemas, e preservar un legado natural único e ecolóxicamente moi valioso.

A información e estudos que se dispoñen sobre o estado da poboación non demostran que se teña incrementado o número de lobos na Galiza. Estaríamos ante unha poboación estancada, que non medra, polo forte persecución e mortalidade que soporta anualmente. O feito de que se rexistren máis danos dende o 2015 responde, máis ben, á mellora e optimización do sistema de recollida de avisos disposto dende a Xunta, e a publicidade e que se triplicaron as axudas dos pagos (aínda así, de modo insuficiente). Probablemente estamos ante uns danos moi semellantes a anos anteriores, pero agora comunícanse.

Compartimos as reivindicacións dos afectados que padecen ataques de lobo, son lóxicas e lexitimas, no sentido de sentirse desprotexidos ante unhas perdidas económicas que, aínda sendo globalmente moi reducidas, sobre as economías familiares de quen as sofre son importantes, e a desatención da Administración ante este problema xera unha frustración e desanimo que finalmente, case sempre, acábase cebando co lobo.

Máis tamén defendemos, ante os que piden a posta en marcha de medidas letais para eliminar lobos, que debe respectarse o sentir maioritario de que esta especie forma parte dun legado natural de extraordinario valor patrimonial, e da que se agarda que as Administracións muden, dunha vez, a súa idea de entender o lobo coma un problema, nunha visión trasnoitada, e poñan os esforzos e recursos necesarios para a súa conservación conforme ás recomendacións científicas que se veñen publicando a nivel mundial nos últimos anos.

Os controis de poboación de lobo so veñen a demostrar a existencia dun fracaso de xestión por parte da Administración, das que se sabe que non valen absolutamente pra nada a efectos de solucionar problemas de coexistencia, e que sen embargo atentan contra a conservación da especie que, xa de por si, está exposta a unha mortalidade ilegal moi elevada, con 200 a 300 lobos que morren anualmente.

Detéctase que estamos ante unha situación caótica na atención que a Xunta presta a este asunto. Hai unha insuficiencia importante na dotación de recursos e esforzo que se destinan para tratar de favorecer unha situación de coexistencia, así coma unha importante falta de sensibilidade. Para o ano 2017 contabilizamos que o alcance de danos ten un custe de case 500 mil euros, pero a Xunta so destina a metade para cubrir ditos danos e, incluso, sorprendentemente, a pesar de que se incrementaron os rexistros de danos, reduciu as axudas en cen mil euros. Ademais non se convocaron axudas para fomentar medidas de manexo preventivo. A prevención pasa por ser a acción fundamental dende a Xunta para abordar este problema e, sen embargo, non se aposta decididamente por esa estratexia.

Reivindicamos tamén a necesidade de que se activen campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo no medio natural, algo previsto no Plan de Xestión do Lobo, pero que non se puxo en marcha. Neste sentido, un dos elementos que menos están axudando a establecer medidas de coexistencia son as informacións e novas que se publican sobre a especie, na maioría, imprecisas, alarmistas, xeradoras de maiores tensións, e na que predomina unha falta de rigor e contraste científico preocupante.