As comunidades de montes de Redondela e Soutomaior piden que o patrimonio deixe de ser unha traba na xestión dos seus terreos

A Asociación Forestal de Galicia mantivo unha reunión cos montes veciñais socios de ambas localidades. Os comuneiros, preocupados polos problemas derivados de Patrimonio e pola escasa intervención da Xunta nos montes queimados
Publicado por o día 24/03/2018 na sección de Galicia,Redondela

As comunidades de montes de Redondela e Soutomaior piden que o patrimonio deixe de ser unha traba na xestión dos seus terreos

A Asociación Forestal de Galicia mantivo unha reunión de traballo coas comunidades socias de Redondela e Soutomaior, un encontro no que se puxeron de manifesto as trabas cotiás que os montes veciñais atopan na súa xestión por parte das Administracións. Un problema común na zona de Redondela e Soutomaior represéntano as cargas derivadas do patrimonio arqueolóxico presente nos montes veciñais,

As comunidades de montes están de acordo na importancia de conservar ese patrimonio, pero advirten da carga que representa na actualidade. Os continuos retrasos da delegación provincial de Patrimonio á hora de autorizar actuacións nos montes con afeccións patrimoniais levan a que comunidades de Redondela teñan perdido no último ano subvencións para tratamentos silvícolas, ao non ter autorizacións en tempo para executar os traballos.

As autorizacións para traballos no monte ou para executar cortas adoitan tardar máis de seis meses no caso das áreas con patrimonio arqueolóxico, como pode ser a do monte Penide. A pesar de que a Administración ten comprometido solucións para este problema, polo de agora a situación continúa sen resolver. A Asociación Forestal de Galicia ten solicitada unha reunión co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para abordar o problema.

Os montes veciñais solicitan ademais a colaboración da Xunta na conservación das áreas patrimoniais, pois entenden que ao ser bens de interese xeral, a súa conservación é un asunto público. Cuestións como a sinalización dos bens patrimoniais ou o mantemento e roza do seu entorno deberían estar apoiados pola Administración.

Traballos pendentes no monte queimado
A situación dos montes queimados representa tamén unha preocupación para as comunidades de montes de Redondela e Soutomaior. Tras os lumes de outubro, representantes de Medio Rural comprometeran nunha visita sobre o terreo a retirada da madeira queimada sen valor comercial, así como actuacións contra a erosión en zonas de gran pendente, nas que cómpre lembrar que hai  augas de escorrentía que rematan na ría de Vigo.

Desde o outono non se volveu ter noticia sobre eses compromisos. A día de hoxe non se fixo ningunha actuación nos montes afectados nin se sabe data de comezo dos traballos ou se eses traballos se van chegar a facer.