As consecuencias dos despedimentos en Povisa

Publicado por o día 23/05/2015 na sección de Opinión,Opinión por Miguel Diéguez

Hai xa máis dun mes da folga de fame que varias traballadoras e traballadores de Povisa levaron ao cabo para oporse ao despedimento de dez celadores e tres administrativos. Por suposto, a consecuencia destes despedimentos notouse na atención ao paciente e no nivel de estrés laboral do cadro de persoal.

A carencia de celadores nun hospital non é un asunto menor. Cando falei con miña nai, enfermeira desde hai décadas, e lle comentei que en Povisa ían deixar apenas tres ou catro celadores por quenda, arqueou as cellas e, incrédula, dixo que tiña que estar equivocándome, que iso era imposible, que como carallo ían traballar así.

– E quen vai trasladar os pacientes, baixalos da ambulancia, movelos?

– Os auxiliares de enfermería.

– Estasme tomando o pelo.

Non é ningunha parvada baixar unha persoa dunha ambulancia. É preciso ter unha preparación, tanto teórica como práctica, para realizar os movementos correctos que se necesitan para mover unha persoa enferma, moitas veces anciá, adecuadamente.

Unha persoa non é un saco de patacas que poidas cargar ao lombo como se nada, e son os celadores os que teñen a formación apropiada para facelo.

Para un auxiliar, realizar o traballo dun celador é unha cuestión de estrés dobre. Por unha parte, está facendo un traballo que non é o seu, coa correspondente tensión e o temor a facelo mal. Por outro lado, non por facer o traballo dos celadores despedidos o auxiliar pode deixar de facer aquel que lle corresponde e para o que está verdadeiramente cualificado.

Por suposto, son moitas as veces en que non dan abasto. Cando isto sucede, prodúcese unha reacción en cadea e son as enfermeiras e os enfermeiros os que deben realizar o traballo de auxiliares. E quen fai o traballo de enfermería? Pois quen conseguiu non colapsar facendo o de auxiliar.

Esta sobrecarga de traballo ten, loxicamente, consecuencias nefastas no estado emocional do equipo. Leva a cometer erros, erros que fan entrar en bucle descendente a quen os comete: máis e máis traballo, máis erros, menos forza para asumir os labores. Un traballo sen descanso, sen posibilidade de ter un día polo medio para osixenarse e volver con forzas. Porque esa é outra, o descanso laboral en Povisa é unha lenda urbana, como os crocodilos das cloacas de Nova York.

Ademais, a política de contratacións (por suposto, precarias, facendo anacos os antigos postos de traballo en condicións dignas) está sendo marcadamente machista. Para os postos de auxiliar de enfermería estanse contratando unicamente homes, na procura da maior forza física posible, xa que serán ao tempo auxiliares e celadores.

Todo isto sucede coas eleccións sindicais a menos dun mes, co perigo de que a política de “divide e vencerás” utilizada pola empresa surta efecto. Se xa a sección sindical de CC.OO estaba levando ao cabo unha política de cabeza gacha e colaboracionismo coa dirección, cabe a posibilidade de que sindicatos amarelos e corporativistas copen o comité, coa estratexia de “cada quen que aguante a súa vela”. Unha estratexia que só retrasará os despedimentos nos sectores que pacten coa empresa. Xa se sabe, “primeiro foron polos sindicalistas, e como eu non era sindicalista, non dixen nada, despois foron polos xudeus… e cando por fin viñeron a por min non quedaba ninguén que puidese facer nada”.

A perspectiva é absolutamente crítica, a espada de Damocles pesa sobre a cabeza do cadro de persoal, un cadro sometido á presión dunha dirección que xoga a comprar sectores con promesas do tipo “non podedes salvarvos todos, así que pacta comigo e sálvate ti”. O convenio laboral pode directamente desaparecer, os salarios reducirse dramaticamente e o resto de dereitos laborais converterse en materia de Arqueoloxía do Dereito.

Ou quizais non, quizais o equipo de Povisa reelixa uns sindicatos compostos por xente honesta e loitadora, que deu todo nunha folga de fame silenciada, pero non por iso menos meritoria. Quizais, coa axuda dos que podemos actuar como altofalante, a xente que loita porque o trato en Povisa sexa digno logre manter o pulso a unha dirección que ve a sanidade como unha mera cuestión de ingresos, gastos e beneficios.

E, quen sabe? Quizais ata lle gañen o pulso e consigan que Povisa, a pesar de ser un hospital privado, sexa un hospital onde prime a atención aos pacientes, onde a saúde sexa o primeiro e os beneficios da empresa algo que sempre deba vir despois.

OPINIÓN POR MIGUEL DIÉGUEZ