As consellerías de Mar e de Sanidade renovan a colaboración no eido do control dos moluscos bivalvos

Este acordo entre o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño e Sanidade contempla accións que axudan a mellorar a protección da poboación fronte aos riscos asociados ao consumo de moluscos bivalvos, como por exemplo as toxinas
Publicado por o día 01/10/2019 na sección de Mar,Sanidad

As consellerías de Mar e de Sanidade renovan a colaboración no eido do control dos moluscos bivalvos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron hoxe un novo acordo de colaboración e coordinación entre ambos departamentos para promover actuacións que contribúan a mellorar a protección da poboación fronte aos riscos asociados ao consumo de moluscos bivalvos, como por exemplo as toxinas.

Deste xeito renóvase a colaboración que veñen mantendo o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Intecmar, dependente da Consellería do Mar, e a Consellería de Sanidade para a realización de análises para o control sanitario dos moluscos bivalvos e a transmisión bidireccional da información relativa a biotoxinas e a outros contaminantes de natureza microbiolóxica como norovirus e outros de natureza físico-química como dioxinas, metais pesados e hidrocarburos.

Este acordo, subliñou a titular de Mar, reflicte o compromiso da Xunta coa seguridade alimentaria. Nesta liña Rosa Quintana e Jesús Vázquez Almuíña reiteraron a aposta do Executivo autonómico por seguir fomentando a cooperación recíproca na obtención de datos para a protección da saúde pública.

O acordo renovado hoxe enmárcase na Rede Integrada de Laboratorios de Interese en Saúde Pública de Galicia (REDGALICIA) que ten como fin o uso coordinado dos distintos laboratorios que a conforman e xerar datos de interese para a saúde pública. A el a Consellería de Sanidade destina 150.000 euros para a realización de analíticas no período
2019-2023 e o Intecmar aportará os seus medios e recursos.

Para o control do cumprimento deste acordo crearase unha comisión de planificación, seguimento e desenvolvemento composta pola directora do Intecmar e polo director xeral de Saúde Pública e por outras dúas persoas designadas por eles.

O Intecmar

O principal cometido do Intecmar é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño. Para iso realiza unha media de 90.000 análises anuais e controis diarios sobre os moluscos bivalvos do litoral de Galicia co fin de garantir a seguridade alimentaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.