As convocatorias propias da UVigo xa inclúen unha acción positiva para paliar os paróns na carreira do PDI derivados da fenda de coidados

Para convocatorias de docencia, investigación e transferencia
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As convocatorias propias da UVigo xa inclúen unha acción positiva para paliar os paróns na carreira do PDI derivados da fenda de coidados

En abril de 2019 a Universidade de Vigo convertíase na primeira institución académica española, e unha das poucas de Europa, en aprobar unha acción positiva, dentro das convocatorias propias de produción científica en investigación, docencia e transferencia, que aborda a denominada “fenda de coidados” por razón de maternidade, conciliación e/ou violencia de xénero, que afecta principalmente ás mulleres docentes e investigadoras. Esta acción positiva tradúcese en que “toda PDI da institución que se acolla a esta medida poderá substituír os seus méritos académicos durante os anos de coidado de dependentes co promedio de produción propia de cinco anos anteriores no caso de crianza de fillos e fillas ata que acaden os seis anos; así como coidado directo dun familiar ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que non poida valerse por si mesmo; ou atención psicolóxica prescrita por sufrir violencia de xénero”, enumera Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, que lembra que a esta acción tamén pode acollerse calquera investigador que ten un permiso ou excedencia por razón dos supostos detallados antes.

Co obxectivo de que esta medida acade unha maior aplicación por parte das potenciais beneficiarias, acaba de facerse pública una resolución reitoral para incluír a acción positiva nas convocatorias propias de docencia, investigación e transferencia da UVigo, reforzando así súa divulgación entre a comunidade universitaria e que poidan acollerse a ela as persoas que cumpran cos perfís sinalados. “Esta medida deseñouse co fin de corrixir os efectos non desexados da fenda de coidados existente na nosa sociedade e que está a afectar á carreira científica das investigadoras”, sinala Águeda Gómez, que considera que ademais abre a porta a deseñar novas accións positivas que favorezan a igualdade de oportunidades nas institucións de ensino superior e investigación do país.

A complexidade de conciliar carreira científica cos coidados

As solicitudes que se presenten serán avaliadas pola comisión encargada da convocatoria para a aplicación desta acción positiva, unha estratexia temporal que contempla a Ley de Igualdad 3/2007 e a Ley 14/2011 de 1 de xuño de Ciencia, Tecnología e Innovación, no apartado cuarto da súa disposición adicional decimo terceira. “É importante sinalar que debido a que sempre foi moi complexo conciliar carreira científica e maternidade, de feito, as académicas, segundo investigacións da directora do Instituto Universitario de Estudios de Género, Rosa Sansegundo, temos una taxa de natalidade de 0,6 por muller aproximadamente, moi inferior á media española de 1,3, sendo esta tamén moi baixa, quizais as posibles beneficiarias desta medida sexan pouco numerosas, pero é o único xeito de reverter esta tendencia e que ‘as nais académicas’ non sexan penalizadas”, explica a directora da Unidade de Igualdade. Así mesmo, Águeda Gómez tamén destaca que o envellecemento do cadro de persoal de PDI en xeral, tamén supón un incremento da situación de dependentes maiores a cargo das académicas, debido á fenda de coidados, “que é outro elemento que lastra a nosa carreira científica e que, neste caso, este grupo é un dos que máis se acolla a esta medida”.

A directora da Unidade de Igualdade destaca outras medidas interesantes que xa se están a aplicar en relación coa acreditación das axencias de calidade autonómicas, promoción de mulleres para cátedras cando existe un empate en dous currículos ou mesmo a nova convocatoria posdoutoral da Xunta, “quizais controvertida nalgúns aspectos e que en cambio introduce un mecanismo compensatorio para as investigadoras nais que acaden esta axuda”, explica. Trátase en definitiva, como sinala Águeda Gómez de corrixir as desigualdades de partida que sofren as mulleres investigadoras “que fai que pouco a pouco se vaian descolgando da carreira académica e científica e que a fenda salarial por sexos sexa tan marcada, derivada dos complementos salariais vinculados á produción científica, aos cargos académicos, etc. que a fenda de coidados está a provocar”, conclúe.

Comentar noticia

Your email address will not be published.