As delegacións de Pontevedra e Vigo desenvolven a reunión do Comité Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais

No encontro analizouse a situación das parroquias de alta actividade incendiaria e as áreas de cobertura dos distintos corpos de vixilancia e seguridade
Publicado por o día 29/06/2019 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra,Vigo

As delegacións de Pontevedra e Vigo desenvolven a reunión do Comité Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o delegado territorial de Vigo, Ignacio López Chaves, participaron na reunión do Comité Provincial de Coordinación na Loita contra os Incendios Forestais para traballar na campaña deste ano.

Na xuntanza participaron responsables da Policía Autonómica, da Garda Civil e do Exército. Ademais, estiveron presentes representantes da Subdelegación do Goberno e membros da Xefatura Territorial de Medio Rural.

O obxectivo desta reunión foi analizar a situación actual de cara a afrontar a nova etapa de alto risco de incendio. Reiterouse a importancia de prestar unha especial atención ás parroquias de Alta Actividade Incendiaria caracterizadas polo número de incendios forestais reiterados (parroquias que tiveron unha media anual de 7 incendios ou máis nos últimos 5 anos) ou pola virulencia dos seus incendios forestais declarados. Concretamente, na provincia de Pontevedra existen na actualidade 15 PAAI en 12 concellos: Dozón e Bidueiros (Dozón), Mourentán e Arbo (Arbo), Valeixe (A Cañiza), Tortoreso (As Neves), Padróns (Ponteareas), Pontellas e Budiño ( O Porriño), San Xurxo (Salceda de Caselas, Soutomaior,Tomiño, Zamáns (Vigo), Saiar (caldas de Reis), e Poio. Analizáronse as situacións de incendios vividas en anos anteriores para mellorar a prevención e a coordinación e planificáronse a actividade de vixilancia preventiva por zonas e por corpos policiais.

No encontro abordouse o importante esforzo que se está facendo para garantir o control das franxas de seguridade próximas aos núcleos de vivendas, así como o control e vixilancia do arborado próximo a vivendas e vías principais.

Tamén se avaliou o resultado das reunións cos veciños das parroquias priorizadas para explicarlles o convenio de protección das aldeas fronte os incendios forestais que a Xunta ten subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coa empresa pública Seaga. Neste caso concreto, se vai actuar en 34 concellos, 68 parroquias e un total de preto de 700 aldeas. O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que “estes núcleos priorizáronse en función da actividade incendiaria e consonte a uns criterios obxectivos, relacionados coa virulencia dos lumes, coa superficie afectada, co risco de ocorrencia de incendios e cos medios e a planificación adoptada para facerlles fronte”. Nestas parroquias priorizadas, sinalou, a cambio dun prezo fixo de 350 euros por hectárea, é dicir, 35 euros por cada mil metros cadrados, o sistema público de xestión de biomasa establecido no convenio procederá á súa limpeza, sen ningún tipo de pago adicional por parte dos propietarios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.