As “DepoRutas BTT” abríronse cunha excelente acollida polos montes de Meis e xa poñen a mirada na cita do 15 de setembro en Silleda

Máis de 200 persoas gozaron en Meis da Ruta BTT á que seguirá a etapa do Deza para a que a Deputación abriu hoxe o prazo de inscrición
Publicado por o día 26/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

As “DepoRutas BTT” abríronse cunha excelente acollida polos montes de Meis e xa poñen a mirada na cita do 15 de setembro en Silleda

Un día despois da exitosa estrea da terceira edición das “DepoRutas BTT”, a Deputación de Pontevedra abriu esta mañá o prazo de inscrición para a segunda cita do ano, que terá lugar en Silleda o vindeiro 15 de setembro. O concello de Meis recibiu este domingo a máis de 200 amantes do ciclismo BTT que gozaron do circuíto de 41,29 quilómetros, cunha proba realmente esixente que descorreu por puntos de interese turístico como os montes Escusa, Arcos e Castrove ou o Mosteiro de Armenteira, entre outros.

Tras esta cita de Meis, a seguinte “DepoRuta BTT” terá lugar o 15 de setembro en Silleda. Para esta proba o prazo de inscrición para as 300 prazas dispoñibles está aberto na web da Deputación de Pontevedra. O prazo pecharase o 11 de setembro ás 12.00h. A “DepoRuta BTT” de Silleda conta cun percorrido circular de 31,88 quilómetros. Terá como punto de saída a Praza da Feira da vila de Bandeira e durante o percorrido pasarase por lugares destacados como a igrexa do Castro, o Mosteiro de Carboeiro ou Fervenza da Toxa.

Este ano o programa “DepoRutas BTT” ofrece 5 rutas totalmente gratuítas, dúas máis que na anterior edición, e cun máximo de 300 participantes en cada unha delas. O obxectivo da iniciativa da Deputación de Pontevedra é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables.