As descargas de polbo fresco nas lonxas galegas case triplican as do ano pasado con preto de 700 toneladas

Rosa Quintana explicou que desde o inicio da campaña e ata o 30 de setembro se desembarcou esta cantidade, fronte ás case 250 do mesmo período do ano anterior
Publicado por o día 14/10/2016 na sección de Alimentación,Vigo,Xunta de Galicia

As descargas de polbo fresco nas lonxas galegas case triplican as do ano pasado con preto de 700 toneladas

As descargas de polbo fresco nas lonxas galegas no que levamos de campaña case triplicaron as do ano pasado, con preto de 700 toneladas deste cefalópodo capturadas desde que comezou a campaña ata o 30 de setembro, fronte ás case 250 toneladas do mesmo período da campaña anterior. Así o adiantou esta tarde a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, tras a apertura da xornada técnica do seminario final sobre o proxecto Avaliación da pesquería de polbo en Galicia 2016, organizado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Nesta liña, a conselleira en funcións tamén fixo fincapé no valor económico acadado na primeira venda deste produto, que esta campaña supera os 4 millóns de euros, fronte aos 1,6 da pasada. Uns datos, dixo Rosa Quintana, que reflicten o peso que ten o sector do polbo na comunidade galega, composto por 1.248 barcos con permex habilitante para o polbo e que empregan directamente a 3.000 persoas, de aí “a necesidade de protexer o recurso e preservalo para futuras campañas”, sinalou.

Por este motivo, lembrou a conselleira, “elaboramos este ano un novo Plan Experimental para a xestión do polbo coas propostas e suxestións das Federacións provinciais de confrarías”. Froito do estudo das aportacións do sector e tamén tendo en conta os informes técnicos e os estudos científicos, consensuouse un período de veda. Tendo en conta isto, explicou, púxose a andar o novo Plan co obxecto de “conseguir un mellor aproveitamento do recurso e o máximo benestar social”.

Neste sentido, a conselleira do Mar en funcións destacou que coa elaboración do Plan de xestión deste cefalópodo en conxunto entre o sector e a administración “melloramos a actividade pesqueira” evitando a sobrepesca e a saturación dos mercados nos inicios da campaña.

Finalmente, Rosa Quintana animou ao sector a traballar por preservar o polbo, a través de plans de xestión axeitados co fin de que estes bos resultados “sigan sendo unha realidade cada vez mellor”. Ao tempo, aplaudiu a celebración de encontros coma este no que se lle exporá a xestión da pesquería do polbo a outras Comunidades Autónomas de España –da zona do cantábrico e Andalucía- e rexións do norte de Portugal con interese na pesca do polbo e tamén se avaliarán as fortalezas e debilidades na xestión de cada territorio en relación co coñecemento científico e técnico da especie.