As Directrices da Paisaxe entrarán en vigor o 20 de febreiro co reto de afianzar a posición de Galicia á vangarda nesta materia

O DOG publica hoxe o decreto polo que se aproba a nova normativa, a primeira deste tipo na comunidade e cuxas consideracións deberán ser integradas en todas as iniciativas que se promovan co fin de protexer os valores paisaxísticos
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

As Directrices da Paisaxe entrarán en vigor o 20 de febreiro co reto de afianzar a posición de Galicia á vangarda nesta materia

As primeiras Directrices da Paisaxe de Galicia entrarán en vigor o vindeiro 20 de febreiro, despois da publicación hoxe no DOG do seu Decreto de aprobación. Deste xeito, a comunidade dotarase dunha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe coa que afianzar a súa actual posición entre as comunidades máis avanzadas en materia paisaxística.

No documento recóllense as normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego, coa finalidade de preserva e coidar os valores paisaxísticos. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

Para iso, dentro das directrices inclúense por unha banda toda unha serie de normas que serán obrigatorias para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como para as estratexias rexionais e locais; e por outra, un listado de recomendacións que serán orientativas e suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico.

As novas Directrices da Paisaxe de Galicia, en todo caso, deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo no territorio da comunidade, que, polo tanto, deberán ter en conta os valores paisaxísticos en todas as súas fases, respectando o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes.

En relación coas normas de obrigado cumprimento, cómpre subliñar o feito de que as infraestruturas enerxéticas (os tendidos e redes) deberán ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos; e os proxectos de alta tensión que atravesen unha Área de Especial Interese Paisaxística (AEIP) calcularán a cunca visual desde todas as alternativas de trazado.

Así mesmo, nas AEIP só se permitirá a apertura dunha canteira ou mina se é rigorosamente xustificada e non ten impacto e deberanse establecer limitacións respecto das plantacións de eucaliptos, establecendo como norma a promoción de medidas para substituír masas de eucaliptais e primar as autóctonas, ao tempo que se recomenda favorecer a expansión de bosques de frondosas autóctonas.

En canto á xestión dos espazos naturais protexidos, como norma darase prioridade á rexeneración das zonas que sufran impactos paisaxísticos como incendios, verteduras ou similares e nos plans e instrumentos de ordenación forestal se fixarán medidas para a eliminación e prevención das especies vexetais invasoras.

Nas directrices tamén se fai referencia as consideracións sobre as infraestruturas e vías de comunicación, incluíndo condicións e criterios de integración, recomendacións para un tratamento axeitado do valor das vistas panorámicas desde as vías de comunicación ou que as pontes de máis de 50 metros de lonxitude requirirán dun informe do organismo competente en materia de paisaxe.

Non obstante, fíxase como norma a obrigatoriedade de retirar os carteis, paneis e demais sinalización de obras ou actuacións públicas rematado o prazo de permanencia que determinen os compromisos adquiridos no seu financiamento; así como empregar especies vexetais autóctonas para revexetar elementos viarios, como medianas, rotondas ou noiros.

En relación con posibles actuacións no Camiño de Santiago, as directrices indican tamén que dentro das zonas visibles e a menos de 500 metros deste, seguindo o criterio que se establece na Lei de Patrimonio Cultural, os cambios de actividades agroforestais requirirán de xustificación mediante unha análise de visibilidade baseada no cálculo da cunca visual.

Coa aprobación e inminente entrada en vigor desta ferramenta, Galicia avanza un chanzo máis no camiño iniciado polo actual Goberno da Xunta hai máis dunha década para protexer a paisaxe. Así, nestes 10 anos aprobáronse o Catálogo das Paisaxes, as Guías da Paisaxe galega e o regulamento da Lei da paisaxe, así como os primeiros Pactos pola paisaxe.

Neste sentido, as Directrices pretenden compatibilizar a protección e mellora da paisaxe, como elemento que identifica e define a unha sociedade, co desenvolvemento económico de Galicia, para o que establece unha serie de normas e de recomendacións xenéricas.