As dotacións culturais da Xunta en Vigo conmemoran o Día do libro con actividades a través da rede

As propostas enmárcanse na iniciativa #aculturasegue promovida polo Goberno autonómico en redes sociais con lecer e formación durante o confinamento
Publicado por o día 20/04/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

As dotacións culturais da Xunta en Vigo conmemoran o Día do libro con actividades a través da rede

As dotacións culturais da Xunta de Galicia en Vigo celebran o Día do Libro cunha programación de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, especialmente neste contexto de confinamento. As iniciativas postas en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo abranguen desde concursos a través das redes sociais ata propostas de lectura ou a edición dun libro colaborativo.

Viaxar sen saír da casa

Viaxar sen saír da casa é unha das propostas da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, que invita aos seus usuarios a encher nas súas redes sociais unha guía de viaxe e unha guía de lectura cos seus lugares e libros destacados. O mapa e listaxe resultantes serán publicados o Día do Libro. Ese mesmo día, a súa web acollerá a exposición virtual Libros e cidades: rúas e relatos, camiños converxentes, na que se repasan obras significativas da literatura galega e internacional, destacando fragmentos que describen as cidades ou vilas nas que transcorren.

‘Brookcrossing’ virtual

Os museos e bibliotecas da Consellería de Cultura e Turismo toman parte todos os anos no bookcrossing, unha iniciativa conxunta con equipamentos culturais de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.

Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.

Iniciativa #aculturasegue

Estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.

Comentar noticia

Your email address will not be published.