As eleccións municipais de 2019 será o tema central do Plenario de En Marea o vindeiro sábado en Santiago

Infraestruturas, devalo demográfico ou municipalismo son algúns dos temas que se debaterán na asemblea presencial aberta a todas as inscritas e inscritos de En Marea que terá lugar na Facultade de Económicas da USC

A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, e o coordinador Gonzalo Rodríguez, presentaron esta mañá o programa para o plenario que terá lugar o vindeiro sábado 17 de marzo na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela. Unha xornada que ten como obxectivo desenrolar un traballo común de cara as eleccións municipais de 2019 sendo estas o tema central da xornada.

A xornada arrancará ás 9 horas coa inscrición dos participantes para comezar ás 10 horas co debate dos distintos documentos e propostas. A primeira das cuestións será a aprobación do regulamento do Plenario para continuar cun tema que quedara pendente da anterior asemblea presencial de En Marea como foi a aprobación do regulamento das Mareas sectoriais.

A partir das 11.30 e ata ás 13 horas terá lugar un parón para acudir á mobilización convocada en defensa dunhas pensións xustas que en Santiago se celebrará na praza de Cervantes ás 12 horas e para a que En Marea fixo un chamamento á participación de toda a cidadanía.

Ás 13 horas proseguirá a xornada cos debates das propostas en materia de infraestruturas e a presentación da tese de devalo demográfico que se prolongará ata ás 14 horas, momento no que se celebrará un xantar conxunto con todas as persoas que participen no Plenario.

A sesión de tarde comezará ás 16 horas coa dación de contas tanto do Consello como o grupo parlamentario do Parlamento e das Cortes e a continuación o debate de municipalismo coa tese xa participada por toda a organización o pasado mes de febreiro nos encontros municipalistas e que se someterá a debate no plenario. O último documento a tratar será a relación de En Marea co grupo das Cortes. Haberá habilitado un espazo de conciliación para atender aos nenos e nenas.

A xornada será retransmitida en streaming a través da canle de Youtube de En Marea no seguinte enlace: https://www.youtube.com/channel/UCeHD4CF-0B-2JOslfVfd01w

As e os xornalistas que desexen asistir a cubrir o plenario deberán acreditarse xa que o acceso ao plenario estará limitado por problemas de espazo. Contarase cunha sala de prensa desde onde poderán seguir o desenrolo da xornada. Para formalizar a acreditación deberán enviar un correo cos seus datos e do medio antes de mañá venres 16 de marzo ao enderezo electrónico: comunicacion@enmarea.gal 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM