As empresas galegas incrementaron nun 80% o investimento en TIC

A Amtega publica hoxe o informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia 2018”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información
Publicado por o día 20/04/2019 na sección de Empresas

As empresas galegas incrementaron nun 80% o investimento en TIC

O gasto total en TIC das empresas galegas durante o ano 2017 superou os 364 millóns de euros, o que supuxo un aumento de máis de 162 millóns de euros respecto ao ano anterior. O incremento rexístrase en todos os segmentos, que investiron máis tanto na compra de bens TIC, como de software ou na contratación de servizos e consultoría tecnolóxica.

Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2018, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, conformado por un total de 200.801 empresas; 1.878 máis que o ano anterior, das que o 96,2% son microempresas, con menos de 10 traballadores.

O 32,7% das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia e o 15,3% das microempresas conta con velocidades iguais ou superiores a 100 Mbps. No último ano, as velocidades de conexión a Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron un 57,7% entre as microempresas e un 11,6% nas empresas de maior tamaño.

Aumento da banda larga móbil

A práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores ten contratado conexión a Internet. Entre as microempresas, a porcentaxe sitúase no 68,3%, experimentando un crecemento do 9% no último ano.

Con respecto á banda larga móbil, cabe destacar que catro de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores acceden a Internet empregando banda larga móbil e nas microempresas acada xa o 72,2%. A contratación da banda larga entre as microempresas aumentou 3 puntos no último ano e converxe coa media estatal.

Web, redes sociais e as vendas online

Neste último ano incrementouse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas, cun crecemento de 4,7 puntos porcentuais e sitúase no 30,9%. Nas empresas de maior tamaño, a dispoñibilidade de páxina web mantense en niveis semellantes ao ano anterior. Con respecto ás redes sociais, cabe salientar que a porcentaxe de empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia que as emprega (52,7%) supera a media estatal (51,8%).

Unha das principais utilidades de Internet, segundo as propias empresas, é a de dirixir publicidade cara un colectivo concreto. A publicidade dirixida na Rede aumentou entre as microempresas 3,7 puntos no último ano e sitúase no 11,5%, superando a media estatal.

As vendas a través de Internet aumentaron nas microempresas galegas en 2,2 puntos porcentuais e situándose a medio punto da media estatal. No caso das empresas de 10 ou máis traballadores, as vendas a través de Internet superan o 18%.

Big Data, impresión 3D e robots

Unha de cada dez empresas galegas de 10 ou máis traballadores empregan Big Data. As fontes de datos que se empregan para a análise con Big Data difire segundo o tamaño da mesma: nas microempresas destacan os datos xerados por medios sociais e nas empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia sobresae o emprego de datos da propia empresa, captados con sensores ou dispositivos intelixentes.

A transformación dixital que experimentan as empresas tradúcese na medición de novos indicadores. Así, por primeira vez, esta enquisa informa sobre a dispoñibilidade de impresión 3D, que emerxe entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores, (3,7%). No relativo ao uso de robots, obsérvase que é unha ferramenta utilizada polo 13% das empresas de 10 ou máis traballadores, valor por riba da media estatal (11%).

Xestións coas Administracións Públicas e Política de seguridade

A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet conta cunha ampla implantación nas empresas galegas: o 93,3% no caso das empresas de 10 ou máis empregadose tres de cada catro entre as microempresas. A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet entre as microempresas aumentou 0,4 puntos porcentuais no último ano, superando novamente a media estatal.

A seguridade é un tema vital importancia a nivel empresarial. No ano 2018 o 85,3% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 41,6% das microempresas galegas empregan sistemas de seguridade. Entre as microempresas este indicador increméntase en 2 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio.