As empresas permiten a entrada nos supermercados de persoas que non levan máscara, a pesar do seu uso ser obrigatorio

CIG-Servizos pide responsabilidade social ás cadeas de alimentación e que adopten medidas para estremar as protección a persoal e clientes
Publicado por o día 26/05/2020 na sección de CIG,Coronavirus,Sindicatos

As empresas permiten a entrada nos supermercados de persoas que non levan máscara, a pesar do seu uso ser obrigatorio

A CIG-Servizos quere denunciar a “total irresponsabilidade” das principais cadeas de comercio de alimentación que están permitindo que haxa clientes que accedan ao interior dos supermercados sen máscara, a pesar de que esta medida de protección é de obrigado uso dende a pasada semana. Esta falta de control está xerando gran malestar entre as clientas e clientes que si levan a máscara, pois nestes establecementos garantir en todo momento o mantemento da distancia de seguridade de dous metros resulta imposíbel.

Esta situación é xeneralizada, polo que dende a CIG-Servizos demándase das direccións que fagan un control estrito do uso das máscaras entre a clientela impedindo a entrada daquelas persoas que non a leven posta, agás naqueles casos nos que estea debidamente xustificado. A Federación da CIG matiza que non se lles está pedindo ás empresas que fagan funcións de policía, pero si que exerzan a súa responsabilidade, establezan unhas normas de acceso claras e sinalizadas e, do mesmo xeito que se obriga á clientela a utilizar outro tipo de medidas (como cando se lles dispensan luvas para acceder ás tendas), se obrigue a levar a máscara e mesmo se faciliten máscaras a aquelas persoas que non a teñan.

“E se alguén non quere utilizala, que se lle impida o acceso ao supermercado, xa que o resto da clientela e as traballadoras e traballadores teñen dereito a mercar e traballar coa máxima seguridade e protección posíbel”, aseveran. Afirman que o que non se pode consentir é que estas empresas que, xa dende antes do decreto do estado de alarma están incrementado os seus beneficios avultadamente, “non asuman as súa responsabilidade social e por enriba pretendan culpar as clientas e clientes por non traer máscara”, cando as medidas en materia de prevención dentro dos establecementos están nas mans das compañías.

Neste senso, entenden que “infantilizar a clientela responsabilizándoa totalmente do cumprimento da normativa que entrou en vigor a semana pasada, co argumento de non cabreala, só está a demostrar que nin os/as clientes/as nin os traballadores e traballadoras son a súa prioridade, senón o capital”.

Información sobre a obrigatoriedade do uso

De igual maneira, CIG-Servizos reclama das empresas que sinalicen debidamente esta obrigatoriedade, pois nalgunhas cadeas como Eroski-Vegalsa ou Froiz hai cartelaría lembrando o uso obrigado das máscaras, pero tampouco se impide a entrada a quen non a leva posta. No resto das empresas (Gadis, Dia, Lidl, Mercadona, Alcampo) “nin sequera hai información a este respecto (só cartelería ca recomendación) como si hai sobre outras medidas adoptadas ante a Covid19 (distancia de seguridade, preferencia de atención a persoas vulnerábeis, hixienización das mans, etc.)”.

Até o momento, o único caso do que ten coñecemento a central referido á prohibición de entrar por non levar posta a máscara foi nun Carrefou Market. Empresa que, por outra banda, hai que lembrar que vén de retomar os inventarios xerais en domingo, logo de suspendelos tras decretarse o estado de alarma para evitar os amoreamentos de persoal.

Que se respecten os límites de aforo máximo

Xunto a isto, a Federación de Servizos da CIG advirte que en moitas tendas non se están a respectar os límites de aforo máximo permitido, razón pola que día si día tamén as delegadas e delegados se dirixen as direccións para que se tomen medidas neste sentido.

CIG-Servizos lembra que o persoal do comercio de alimentación está en exposición continuada e tivo que acudir traballar en pleno confinamento en moitas ocasións sen contar coas medidas de protección adecuadas e mesmo negándose as empresas a aplicalas a pesar de ter contaxios confirmados entre o seu persoal. Por iso, agora en pleno proceso de desescalada a central demanda das empresas que estremen as medidas de seguridade e as precaucións para evitar seren foco de novos contaxios.