“As empresas que prestan o servizo de axuda a domicilio rouban a mancheas”

As empresas preséntanse a concurso con prezos temerariamente baixos e enriquécense á conta dos salarios das traballadoras: non remuneran debidamente as horas complementarias nin o tempo de desprazamento entre servizos.
Por o 07/05/2017 | Sección: Entrevistas,Sindicatos,UGT,Vigo
“As empresas que prestan o servizo de axuda a domicilio rouban a mancheas”
Compartir en:

As empresas preséntanse a concurso con prezos temerariamente baixos e enriquécense á conta dos salarios das traballadoras: non remuneran debidamente as horas complementarias nin o tempo de desprazamento entre servizos.

A Lei de Dependencia  foi presentada o 4 de marzo de 2006 polo Goberno de Zapatero e o 30 de novembro de 2006 aprobouse definitivamente no Pleno do Congreso dos Deputados cunha ampla maioría. A Lei estableceu un catálogo de servizos para as persoas en situación de dependencia. Un deles foi o servizo de axuda a domicilio, integrado polo conxunto de actuacións levadas a cabo no domicilio das persoas dependentes co fin de atender as súas necesidades da vida diaria, prestadas por entidades ou empresas acreditadas para esta función.

As prestacións que ofrece o servizo de axuda a domicilio son: apoio na hixiene persoal, apoio na mobilización dentro do fogar, axuda na toma de medicamentos, acompañamentos puntuais fose do fogar, recollida e xestión de receitas ou documentos, axuda na limpeza cotiá da vivenda, adquisición de alimentos e outros produtos básicos a conta do usuario, preparación de comidas, etc

Mª Carmen López leva traballando no Servizo de Axuda a Domicilio en Madrid desde 1995. Na actualidade hai unhas 14.000 auxiliares de Axuda a Domicilio traballando na Comunidad de Madrid. Mª Carmen cóntanos a súa experiencia como traballadora e detállanos os principais problemas deste colectivo.

É un sector moi feminizado?

Completamente. As traballadoras do servizo de axuda a domicilio somos mulleres nun 99%. É un sector moi precarizado: hai familias monoparentais, traballadoras inmigrantes… é un sector moi vulnerable e as empresas aprovéitanse disto.

De onde xorden os conflitos?

Do prezo dos pregos. Cada vez saen máis baixos, e as empresas preséntanse a concurso cun prezo/hora aínda máis baixo para levar o seu anaco de pastel. Non cobren o servizo nin se cumpre o convenio colectivo. Moitas empresas descólganse do convenio apenas conseguen a adxudicación. Estes descolgues non son só salariais; tamén recortan complementos, licenzas e vacacións.

E isto non se denuncia?

Si. Algunhas destas empresas tiveron litixios laborais e foron sancionadas pola inspección de traballo por diversos incumprimentos, pero isto non lles impide volver presentarse a concurso, gañar a adxudicación, e seguir vulnerando os dereitos das traballadoras. Un caso paradigmático de empresa incumplidora é CLECE, pero hai moitas máis: Eulen, Valoriza, etc. CLECE ten un amplo historial de incumprimentos en todo o territorio nacional. En Soria UGT denunciou ante o SELA que a empresa non cubría as baixas laborais. En Valladolid hai rexistros de acoso ás traballadoras sen que a empresa tome ningunha medida. En Coruña non aplica o convenio colectivo e nas subrogacións non respecta os acordos asinados polo anterior comité de empresa. En Coruña CLECE foi denunciada ante a inspección de traballo e sancionada economicamente por diferentes infraccións, igual que na Rioxa.

Como se aproveitan as empresas? Cales son os seus procedementos?

Por exemplo, co tempo de desprazamento: o tempo de desprazamento entre servizos é tempo efectivo de traballo, e sobre este punto as empresas rouban a mancheas. Se o tempo que investimos en desprazarnos é, por exemplo, de 3 horas semanais, compútannolo como media hora; se tardamos media hora, computan cinco minutos. Como che dicía, nos últimos anos en Madrid capital minguouse moitísimo o prezo/hora. Máis do 90% das traballadoras de axuda a domicilio teñen xornadas parciais;  isto fai que teñamos que traballar 40 ou 50 anos para poder cotizar e ter unha pensión minimamente aceptable. Ninguén quere xornada completa porque estamos todo o día na rúa e é imposible conciliar a vida laboral e familiar. As horas complementarias véñennos moi ben, pero róubannolas. Non as pagan. Se unha persoa acumulou 30 horas complementarias, a empresa só págache 5 ou 10. Rouban a mancheas. O seu diñeiro sácano de quitarnos tempo de desprazamento e do non pago das horas complementarias. Son empresas, e o seu afán de lucro é compresible, pero non entendemos que o fagan a costa nosa e que as Administracións non exerzan un control máis rigoroso.

As administracións non fan nada?

Á administración vénlle moi ben que as empresas se presenten a concurso cun prezo tan baixo, porque se aforran diñeiro. Tampouco exercen un control suficiente sobre a calidade do servizo; afórranse diñeiro e miran a outro lado. O concello de Madrid, que é caso que eu coñezo,  lavouse as mans con este asunto. É moi triste dicilo, pero a situación está peor que cando gobernaba o partido popular.

Outro problema é que desde a Administración non hai un control á hora de conceder as prestacións. É sabido a inmensa cantidade de xente dependente en lista de espera que necesita axuda. Está a desprestixiarse moitísimo o servizo; calquera auxiliar pódeche confirmar o que che estou dicindo. Por exemplo, imaxina que a unha persoa dependente danlle tres horas de axuda designadas a aseo persoal, a facer a compra e a axuda no fogar, unha hora para cada actividade. Chegas a casa desa persoa e diche “non, a compra faima a miña veciña; non, ao aseo axúdame a miña filla”, e resulta que ti che tes que pasar tres horas limpando… ¡coa cantidade de xente que necesita de verdade esa axuda, persoas que non teñen quen as lave ou lles fagan a compra!… Pedimos á administración un maior control das prestacións, porque estamos a ver que xente en lista de espera morre esperando esta axuda.

É unha mágoa, pero a esencia da axuda a domicilio perdeuse desde que isto converteuse nun negocio.