As enxeñeiras de minas e da enerxía retratan nunhas xornadas como é o seu día a día na profesión

Elena Alonso salientou a importancia de coñecer “os matices” que ten o mercado laboral para elas
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As enxeñeiras de minas e da enerxía retratan nunhas xornadas como é o seu día a día na profesión

Catro mulleres coas que representar o ámbito profesional actual da enxeñaría de minas: unhas que traballan en organismos públicos, outras en empresas privadas; unhas que levan máis de 25 anos exercendo a súa profesión, outras que se incorporaron máis recentemente; algunhas que desenvolven o seu labor profesional no ámbito local e outras no estranxeiro; con diferentes niveis de responsabilidade na súa actividade e que traballan ou traballaron en diferentes departamentos (produción, mantemento, calidade, xestión, enxeñaría…).  Elas foron as protagonistas da Xornada A muller na profesión de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Unha mirada desde a experiencia persoal, actividade organizada pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía co patrocinio da Unidade de Igualdade e coa que se buscaba identificar os principais problemas que atopan as mulleres enxeñeiras nos espazos e ambientes de traballo no seu ámbito profesional e as trabas que acostuman ter na busca activa de emprego.

A cita foi este venres na sala 1 do edificio Miralles e contou coa asistencia de numerosos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado, que quixeron escoitar de primeira man as experiencias destas catro enxeñeiras de minas. Encargouse de presentalas a directora da escola, Elena Alonso, quen destacou que todas son egresadas pola UVigo: Ana García, que traballa como enxeñeira de calidade en Maec Automotive; María José Herrero, xefa de proxectos e produción en OHL; Cecilia Trancón, da compañía mineira Francisco Gómez y Cía e única directiva muller da Asociación Galega de Áridos, e Rocío Prieto, que traballa na Comisión Nacional del Mercado de Valores y la Competencia (dirección de Enerxía).

“O obxectivo desta actividade é coñecer e visibilizar en que condicións, en que circunstancias e como desenvolven a súa actividade profesional o colectivo de mulleres formado polas enxeñeiras de minas”, salientou na súa presentación a directora da escola, ao tempo que explicou que a idea de organizar a xornada xurdiu por dous motivos: dunha banda, polo compromiso da escola de contribuír a construír unha sociedade plenamente igualitaria e, en segundo lugar, “porque consideramos que temos unha responsabilidade co alumnado do centro, tanto o actual, como o futuro e o pasado, todos os egresados e egresadas que pasaron polas nosas aulas”, explicou Alonso, recalcando así a importancia de coñecer que acontece unha vez que as alumnas e alumnos deixan a escola e que teñen que enfrontarse ao desenvolvemento da súa profesión, “para saber así que posibles eivas poden ter na súa formación e como corrixilas”.

A brecha de xénero no sector tecnolóxico é especialmente relevante

Na súa intervención a directora da escola achegou algúns datos recollidos do Libro Blanco das Mulleres no Ámbito de Enxeñería, informe editado o pasado mes de marzo polo Ministerio de Economía e Industria,  e no que se sinala que a brecha de xénero no sector tecnolóxico é especialmente relevante porque é a industria que máis emprego neto vai crear nos próximos anos. “Esta brecha trae consigo toda unha serie de consecuencias, tamén as de tipo económico, estimándose unha perda importante do Produto Interior Bruto do noso país”, apuntou. Segundo se expuxo nas xornadas as causas desta brecha non son evidentes, pero detrás delas atópanse cuestións como o feito de que as dinámicas de traballo que acostuman ter as empresas tecnolóxicas non resultan atractivas para as mulleres. “Neste contexto, pensamos que o primeiro que temos que facer é coñecer a realidade para poder empezar a transformala”, recalcou Alonso, ao tempo que resaltou a importancia de coñecer de primeira man estas experiencias “porque achegan unha información que, ás veces, as estatísticas e os datos non son capaces de captar, sobre todo, no que se refire aos detalles e aos matices”.

A primeira enxeñeira de minas española titulouse en 1975

Previamente ao relato das experiencias persoais de cada unha das participantes nas xornadas tivo lugar a conferencia inaugural, intervención que neste caso correu a cargo de Ana Jesús López Díaz, directora da Oficina para a igualdade de xénero da Universidade da Coruña e profesora titular na Área de Enxeñaría Mecánica desta institución quen, a través de múltiples exemplos, fixo un repaso histórico da invisibilización do traballo, tanto científico como tecnólogo, das mulleres. Desde Ada Byron, a primeira programadora informática a Marie-Anne Pierrette Paulze-Lavoisier, considerada nai da química moderna; de Mª Elena Maseras, primeira muller que accedeu aos estudos universitarios en España a Dolores Norte Gómez, primeira enxeñeira de minas dunha universidade española (1975).

Comentar noticia

Your email address will not be published.