As Escolas Deportivas Municipais ofertan 5.000 prazas en 34 modalidades diferentes

Xa está en marcha o Programa municipal de Escolas Deportivas Achégate ao deporte 2017 cunha oferta de 5.000 prazas en 34 modalidades diferentes. Ten un orzamento de 300.000 euros e oferta actividades para nenos e nenas de entre 6 e 18 anos.
Por o 25/05/2017 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
As Escolas Deportivas Municipais ofertan 5.000 prazas en 34 modalidades diferentes
Compartir en:

O goberno local deu luz verde esta mañá ao Programa municipal de Escolas Deportivas Achégate ao deporte 2017 que este ano conta cun orzamento de 300.000 euros. Segundo explicou o alcalde, son 5.000 prazas en 34 modalidades para nenos e nenas de entre 6 e os 18 anos.

Caballero tamén deu conta da clasificación de ofertas para a contratación do subministro de material e aluguer de maquinaria para as obras que se realizan nos colexios de ensino infantil e primaria por persoal do programa municipal Vigo Emprega. Son 137.000 euros para acometer obras por un importe total de 464.000 euros. Nestes momentos, xa están en marcha os traballos en Santa Tegra e Frián e, tan pronto como remate o curso, arrancarán os do Ceip Sello, Pardo Bazán, Balaídos, Lope de Vega, Carballal, Igrexa Valadares, Carrasqueira, Vidente Risco, Escultor Acuña, Canicouva e Santa Mariña. Tal e como indicou Caballero, a esta inversión hai que sumar 490.000 euros para obras de mantemento (sen incluír calefacción nen luz) e o outros 570.000 para cubrir os patios dos centros Carballal, Virxe do Rocío e Canicouva. Deste xeito, o orzamento total para acometer obras en centros educativos, que son competencia autonómica, ascende a 1,6 millóns.

A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración coa Cofraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas para a organización do festival poético piromusical deste ano. O Concello cooperará con 8.100 euros no finanzamento “dos mellores fogos artificiais que se organizan en toda Galicia”.

Por último, recibiu luz verde o proxecto de convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Asociación de Persoas Xordas de Vigo, para axudar ao finanzamento dos gastos derivados da contratación dun intérprete de lingua de signos a tempo parcial. A esta achega de 6.000 euros súmase outra subvención, tamén para o fomento do emprego, de 5.297 euros.