As escritoras Tamara Andrés e Antía Yáñez presentan este venres en Cartabón os seus libros da editoral Cuarto de Inverno

Publicado por o día 23/01/2020 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

As escritoras Tamara Andrés e Antía Yáñez presentan este venres en Cartabón os seus libros da editoral Cuarto de Inverno

As escritoras Tamara Andrés e Antía Yáñez presentan este venres, 24 de xaneiro, Irmá Paxaro e Be Water, obras finalistas do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. A presentación terá lugar na libraría Cartabón de Vigo ás 20:00h e contará coa presenza de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e a editora Andrea Jamardo Seijo.

Antía Yáñez

Antía Yáñez (Burela 1991). Devorou libros como elemento principal da súa dieta na infancia e agora escribe como complemento alimenticio. Formouse no relato curto, comezando cos certames locais. Xa adulta, gañou premios como o XI Certame de Microrrelatos “Lonxa Literaria” (2013), o de Relatos Curtos “Os Viadutos”, o XXVI Concurso Literario Xaime Illa Couto (2018) e o Certame Literario de Cambre.

Con obras autotraducidas ao castelán gañou o 1o premio do V Certamen de Relatos “Pablo de Olavide” de La Luisiana (Sevilla, 2016), o 1o premio do XIX Certamen de Poesía y Relato Corto “Dafne” de Oviedo (2016), o 2o premio no XXIV Certamen Literario “Mujerarte” de Lucena (Córdoba, 2016) e obtivo unha mención especial no XIII Concurso de Microrrelatos Mineros “Manuel Nevado Madrid” de Oviedo (2016). No ano 2016 publica O misterio de Portomarín (Galaxia), que ten a súa continuación en O misterio do torque de Burela (Galaxia, 2019). En 2018 gaña o Premio Illa Nova con Senlleiras e o I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade co álbum ilustrado, A reconquistaBe Water, foi finalista I Premio María Victoria Moreno de Literatura.

Tamara Andrés

Tamara Andrés (Combarro, 1992) formouse en tradución e interpretación e literatura comparada. Desenvolve unha tese na Universidade de Vigo sobre tradución e poesía galega de autoría feminina mentres traballa como tradutora e revisora.

En 2015 saíu do prelo o texto Amentalista, unha homenaxe ao pintor René Magritte, e gañou o Premio de Poesía O Facho co poemario Nenæspiraes. A finais de 2017 publicou Corpo de Antiochia, traducido ao castelán e finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2018. Textos seus foron premiados en diversos certames e publicados en obras colectivas, como nas antoloxías No seu despregar (2015, Apiario) ou Anthology of Young Galician Poets (2019, Vakxikon). Irmá paxaro quedou finalista do I Premio María Victoria Moreno.

Alén de poñer en práctica a dimensión escénica e corporal do texto e de participar en proxectos teatrais e audiovisuais, imparte obradoiros poéticos e de animación lectora e organiza diversos eventos literarios.