As exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido prorrógasen ata o 4 de abril no MARCO

Os espazos do primeiro andar continúan abertos e o público poderá seguir visitando as mostras en calquera das súas modalidades: individualmente, participando nas visitas guiadas —actualmente limitadas a grupos de 5 persoas— ou mediante o novo sistema de rutas interactivas.

http://www.marcovigo.com/content/rutas-interactivas-app-vigo

Seda de cabalo é a maior de cantas exposicións se realizaron ata esta data de Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta, Premio Nacional de Fotografía 2007. Unha mostra comisariada por Fernando Castro Flórez, que revisa a súa traxectoria a través dunha selección de obras —fotografías, instalacións, vídeos, e tamén unha parte da súa produción poética— dende 1980 ata a actualidade. Máis que unha retrospectiva ao uso, está concibida como reflexo dos aspectos máis sobresaíntes da súa traxectoria e da súa estética, sempre marcada por un fondo poético e pola demanda dunha actitude contemplativa.

Atendendo a unha orde máis formal e conceptual que cronolóxica, a selección de obras e a súa disposición en salas responde á vontade de manter esa continuidade poética, temática e ambiental que dá sentido ao percorrido e a toda a obra de Manuel Vilariño no seu conxunto. Tamén, como parte integrante da exposición, unha das salas acolle unha selección de catálogos, publicacións e pezas gráficas relacionadas co artista, que se completa co dossier documental preparado na Biblioteca-Centro de documentación e accesible na web do MARCO.

Primeiro andar (sala de proxectos)

CELESTE GARRIDO. Os teus ollos din o que a túa boca cala

2 outubro 2020 – 4 abril 2021

Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto

Coa colaboración de:

Celeste Garrido (Marín, Pontevedra, 1972) ten unha ampla traxectoria en proxectos teóricos e expositivos moi relacionados coa identidade e con cuestións de xénero. Esta mostra, específica para o MARCO, está deseñada a partir dunha coidada selección de obras en distintos formatos —na súa maioría de nova produción— que constrúen un relato en torno á temática do corpo como material, como soporte, como suxeito e como receptor, con especial alusión ao corpo feminino e ao vestido como símbolo.

Comprometida como artista e como muller, os seus proxectos desenvólvense dende unha óptica feminista e un posicionamento crítico, formulando propostas que apelan ao espectador e o fan cómplice dese compromiso. Neste contexto xorden, xunto á serie Nupcial, algunhas das obras que forman parte do seu novo proxecto, denominado Infancias rotas.

Visitas guiadas pola artista

No caso da exposición de Celeste Garrido, existe a posibilidade de participar en visitas guiadas pola propia artista, limitadas a grupos de 4 participantes, mediante cita previa. As persoas interesadas poden consultar dispoñibilidade de datas e horarios na taquilla do MARCO: Email recepcion.marco@gmail.com

Tel. 986 113900 / Ext. 100

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario