As “fake news” de Caballero sobre os orzamentos en Políticas Sociais

Publicado por o día 18/12/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,ODS Coia,Social,Vigo

As “fake news” de Caballero sobre os orzamentos en Políticas Sociais

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia ( ODS) cuestiona o anuncio do alcalde de que o ‘Programa contra os desafiuzamentos e emerxencia social’ para 2021 aumente un 22% o ano que vén.

“O alcalde deu conta a mañá de onte da aprobación as axudas de emerxencia que non teñen límite orzamentario e que xa parten de inicio dunha cantidade de 1.125.000, 200.000 euros máis que o ano pasado”1, así comeza o texto publicado o xoves 17 de decembro na web do Concello de Vigo. Moitas xornalistas locais falan do potente equipo de comunicación co que conta Alcaldía, con moitos máis recursos que moitos medios da cidade. Fronte ao ruído, queremos facer algúns apuntamentos a este anuncio así como algunhas preguntas.

O goberno municipal anuncia que o “Programa contra desafiuzamentos e emerxencia social para o ano 2021” vai ter un importe de 1.125.000 € que significa un 22% máis que en 2020. Apunta tamén que dita contía é ampliable.

Revisando na hemeroteca atopamos que nunha rolda de prensa -celebrada o 2 de xaneiro de 2020- Caballero anunciaba que ían dedicar “2,5 millóns de euros ao programa contra os desafiuzamentos”2. Nin facemos contas. Lonxe dun aumento, a baixada é moi significativa na contía orzamentada.

Seguimos cos datos. Nas bases do “Programa contra desafiuzamentos e emerxencia social para o ano 2021” podemor ler:

“Durante o exercicio de 2020, ano absolutamente extraordinario desde o punto de vista social por causa da pandemia da COVID-19, 

concedéronse con cargo a este Programa axudas por un importe total de 1.515.999,25€ co seguinte detalle (datos a 01.12.2020)”3

De novo, outro dato que supera o importe anunciado onte polo alcalde.

A maiores disto, no ano 2020 (malia ter as bases aprobadas) non houbo convocatoria do programa ”Axudas extraordinarias a familias contra desafiuzamentos e para subministros e alimentación” que estaba orzamentado con 1.550.000 euros.  O coñecido como o “cheque social” que en “2019 beneficiou a 1.612 familias”4 non foi convocado en 2020. Descoñecemos o destino dos cartos. En 2021, o programa desaparece dos orzamentos. Tampouco sabemos que vai pasar cos cartos orzamentados en 2020 e cos que desaparecen en 2021 das partidas presupuestarias.

Moitas dúbidas xorden da política social municipal. Gustaríanos ter explicacións claras. Mais sobre todo precisamos medidas estruturais que revertan o crecente empobrecemento. Garantir que todas as veciñas teñamos as necesidades básicas cubertas non é o mesmo que dar roldas de prensa, non é igual que continuar coa maquillaxe, non é igual que tirar os cartos de todas no nadal…

Esiximos políticas estruturais que revertan a inxustiza, que pulen pola repartición da riqueza, que garantan unha vivenda digna para todas ou unha alimentación de calidade ao marxe de ter ou non recursos económicos.

1 As axudas de emerxencia suben nun 22% respecto a 2020 e non terán límite orzamentario 17/12/2020

2 O Concello dedica 2,5 millóns de euros ao programa contra os desafiuzamentos 02/01/2020

3 «PROGRAMA CONTRA DESAFIUZAMENTOS E DE EMERXENCIA SOCIAL PARA O ANO 2021» 17/12/2020

4 O goberno de Vigo aproba as bases das axudas para vivenda, subministros e alimentación 16/01/2020

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.