As familias Bóveda, Caamaño e Paz formalizan formalizaron hoxe as súas querelas individuais contra o franquismo ante o consulado arxentino en Vigo

Trátase do ‘colofón’ do proceso iniciado en novembro de 2019 na Deputación de Pontevedra, que contou co asesoramento de CeaQua, a IGM, e o grupo de Avogados Novos de Vigo

As familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz presentaron formalmente hoxe luns na sede do Consulado de Arxentina en Vigo as súas querelas individuais ante a xustiza arxentina por ‘crimes do franquismo’. Reclamarán que sexa a xustiza a que poña a verdade enriba da mesa sobre os asasinatos acontecidos na Caeira (Pontevedra) no 1936, que se revoguen as súas condenas e sancionen os seus axustizamentos.

Este acto supón o colofón dun proceso iniciado o 16 de novembro de 2019 no acto público que tivo lugar na Deputación de Pontevedra, cando as familias anunciaron a súa intención de adherirse á querela Arxentina. Comezou entón un traballoso proceso de recompilación de documentación, bibliografía e información a fin de explicar e contextualizar o obxecto da querela: pedir xustiza para Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz, asasinados tras o golpe de Estado de 1936 polo seu fondo compromiso cos valores democráticos e republicanos e a defensa do país.

Este proceso, imprescindíbel para a preparación da querela, contou co asesoramento de CeaQua e coa axuda da Iniciativa Galega pola Memoria e de Histagra, e correu a cargo da Comisión de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo –de xeito totalmente desinteresado–, demorándose a súa presentación máis do previsto por mor da crise sanitaria. Así mesmo, as familias contaron co respaldo da Deputación de Pontevedra, a través do seu Departamento de Memoria Histórica dirixido pola nacionalista, María Ortega, que o vindeiro luns acompañará tamén ás familias ao consulado.

Querelaranse formalmente Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda, fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936; Begoña Caamaño Santos e Olga Caamaño Santos, netas de Amancio Caamaño Cimadevila, médico e presidente da Deputación nos anos 1932-1933, fusilado no monte da Caeira o 12 de novembro de 1936; e Ángel Ramiro Paz García e Anxos Paz García, netos de Ramiro Paz Carbajal, impresor e líder político pontevedrés fusilado tamén na Caeira o 12 de novembro de 1936.

Estas tres son as primeiras de moitas familias galegas que xa contactaron con CeAqua, a IGM ou a Deputación para amosar o seu interese por sumarse á querela arxentina. De feito, concluído este proceso iniciarase a preparación das querelas de varias familias da comarca do Barbanza.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM