As familias desprazadas de nenos oncolóxicos tratados no Hospital Álvaro Cunqueiro xa contan cunha casa de acollida na cidade

A asociación Bicos de Papel conta cunha casa para familias desprazadas situada na contorna do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo co obxectivo de acoller a nenos oncolóxicos e as súas familias que se desprazan ata a cidade desde diferentes puntos de Galicia para ser tratados.
Publicado por o día 26/09/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Social,Vigo

As familias desprazadas de nenos oncolóxicos tratados no Hospital Álvaro Cunqueiro xa contan cunha casa de acollida na cidade

A só 3 minutos en coche do Hospital Álvaro Cunqueiro, a asociación de axuda a nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro, Bicos de Papel, alugou unha vivenda que permite dar aloxamento a aquelas familias que ven obrigadas a desprazarse a Vigo para que os seus fillos e fillas sexan tratados por mor dun cancro infantil.

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo recibe pacientes oncolóxicos de toda a provincia de Ourense e da zona sur da provincia de Pontevedra. Isto propicia que sexan moitas as familias que ven obrigadas a abandonar temporalmente os seus fogares para trasladarse a Vigo durante o tempo que dura o tratamento do paciente. Este tempo pode estenderse desde uns poucos meses ata anos.

Durante este período, estes desprazamentos supoñen trastornos económicos e persoais para as familias, pois deben afrontar o pago dun novo aloxamento ou de continuos desprazamentos, así como atoparse separados dos seus seres queridos e amigos nunha etapa tan complicada. Por este motivo, Bicos de Papel traballou desde os seus inicios en conseguir un aloxamento que permita a estas familias dispoñer dun segundo fogar preto do Hospital no que non só non teñan que preocuparse da súa situación económica, senón que tamén poidan contar co apoio da asociación e doutras familias que están a pasar pola mesma situación.

A vivenda alugada por Bicos de Papel é unha casa independente de 2 plantas moi ampla que conta con 4 habitacións, 3 baños, cociña, salón-comedor e un cuarto para a coada. Unha das habitacións e un baño atópanse na planta baixa, polo que é posible acceder a elas con cadeira de rodas. Todo isto permite aloxar na vivenda a 3 familias, que contan con habitación e baño privado e comparten a cociña e o salón-comedor.

A día de hoxe, a vivenda atópase en pleno funcionamento e xa foron varias as familias que puideron gozar do seu segundo fogar durante os tratamentos dos máis pequenos. Ademais da casa de acollida, dentro do mesmo proxecto de acompañamento a familias desprazadas, a asociación conta con axudas económicas. Os beneficiarios son, por unha banda, aquelas unidades familiares que se desprazan desde o Hospital Álvaro Cunqueiro a outros centros hospitalarios pertencentes a outras provincias. Doutra banda, tamén poderán recibir axuda económica aquelas familias desprazadas ao Álvaro Cunqueiro cando non haxa dispoñibilidade na casa de acollida da cidade.