As Gándaras do Budiño outra vez ameazadas

Ecoloxistas en Acción Galiza súmase as voces que denuncian o despropósito ambiental de construir un centro de formación ao carón das Gándaras de Budiño sen reparar no dano que ocasionaran as obras e o posterior aumento da presión urbanística a estos humedais únicos en biodiversidade e incluidos na Rede Natura 2000.
Publicado por o día 26/02/2020 na sección de Ecologistas en Acción,Galicia,Medio Ambiente,O Porriño,Social

As Gándaras do Budiño outra vez ameazadas

A Louriña acumula desastres ambientais como vertedoiros de lindano. O seu rei, o río Louro, caeu vasallo do desarollismo humano e condeado a perpetuidade. A inconsciencia humana non concede indultos. O historial de agresións ecoloxicas é tan extenso no concello do Porriño e as consecuencias tan notorias que resulta incomprensible a insensibilidade do goberno local, quen continúa consumando os erros do pasado e deserta da súa responsabilidade de ser o primer valedor das Gándaras do Budiño. 

Montañas horadadas sen control, barrios edificados sobre mantos de lindano, verquidos incontrolados que deixan ao Louro reducido a cloaca, e como xa non queda nada con que rimar a palabra desastre vólvese a mirada cobizosa ao pouco que queda das gándaras. Uns humedais xibarizados á mínima expresión pola presión urbanística. Unha biodiversidade cercada polos polígonos industriais que proliferaron no entorno das gándaras e foron desecando a vida. O noventa por cento do humedal está soterrado debaixo de formigón e  asfalto e o restante loitando por sobrevivir ás riadas de verquidos, fumes e ruídos da industria que usurpou e colonizou as súas terras.

Amparadas na Rede Natura 2000 nas Gándaras de Budiño resisten especies vexetais como amieriros, salgueiros, espadanas, e mesmo plantas  insectivoras como as droseras. Na súa fauna consérvanse o lavanco, cerceta, rascón, garza real, polla de auga, zampullín, carriceros, ra verde,  culebra de colar, tartaruga europea, lagarto verdinegro… E nelas aínda habita o case extinto sapoconchos común. 

Pero pouco dura a felicidade na casa da biodiversidade. O goberno local de Porriño non atopou outro sitio para a edificación dun centro de formación que ao carón das gándaras sen reparar no dano que ocasionaran as obras e o posterior aumento da presión urbanística. Aínda son visibles as cicatrices daquel centro de interpretación cuxas ruínas deberían marcar o camiño aos gobernantes locais para non rematar outra vez no basureiro da historia. Cun pouco de vontade e responsabilidade política seguro que aparecen mellores opcións para a ubicación do centro destinado á Formación Dual e Emprego da Asociación ACEESCA. Non dubidamos da importancia social da creación deste centro pero menos dúbidas temos de que a fauna e flora das gándaras carece de alternativas e nestes momentos tamén dun goberno responsable que as protexa.