As illas Atlánticas non deben ser o destino dos lodos do Lérez

Publicado por o día 18/06/2019 na sección de Medio Ambiente,Social,Verdegaia

As illas Atlánticas non deben ser o destino dos lodos do Lérez

Nos últimos días, o sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Arousa, organizacións ambientais e cidadanía en xeral, vemos con preocupación a nova dada a coñecer recentemente sobre a intención de Portos de Galicia de trasladar para as inmediacións de Sálvora os lodos procedentes do dragado que está previsto realizar na zona da desembocadura do Lérez. Segundo esta nova, o punto de vertido estaría entre Ons e Sálvora, a 3,2 e 2 millas das súas zonas de protección marítima respectivas.

A realización dun dragado no Lérez sería unha solución só temporal. O río, a medio prazo, vai volver acumular lodos. Así o recolle o estudo de impacto ambiental que se fixo para a opción de Tambo, e que sinala que os factores hidrodinámicos que determinan a disposición actual dos sedimentos volverán despois da obra a situalos onde se atopan actualmente.

É preciso ir ás orixes do problema, e localizar, para evitalas no sucesivo, as posibles causas do mesmo, sexan estas os recheos (como os ilegais do porto de Marín), a desnaturalización da ribeira do río Lérez, as canalizacións, os lumes recorrentes na bacía do río, ou a deficiente xestión dos nosos residuos, tanto urbanos como industriais. A política de residuos dos sucesivos gobernos da Xunta de Galicia baséase, principalmente, en mirar para outro lado no caso dos industriais (que na maioría dos casos non teñen o preceptivo tratamento en orixe), e facer o paripé cos vertidos urbanos, para pasar o trámite diante da Unión Europea. Así, mentres facemos depuradoras que non depuran e permitimos ás empresas prácticas ilegais, o problema dos residuos vai collendo unhas dimensións cada vez maiores.

O propio dragado pode ter ademais un impacto ambiental importante na fauna e flora presente no río. Por iso, no lugar de dragados cómpre deseñar un proxecto de naturalización das ribeiras do Río Lérez e de depuración das augas que a el se verten.

Por outro lado, o destino atopado para os lodos -a escasas dúas millas do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas- está absolutamente fóra do razoable e é inadmisible. A superficie das áreas marítimas protexidas é xa moi pequena, e lamentablemente, no Parque non están interconectadas, o que impide o establecemento de corredores biolóxicos permanentes entre distintas zonas marítimas do Parque. Un vertido incontrolado entre dúas zonas marítimas protexidas é un auténtico despropósito que pon en perigo a protección dos seus valores naturais e, consecuentemente, dos valores socioeconómicos (turismo, pesca e marisqueo) vinculados ás actividades da Ría de Arousa. Os fondos mariños do Parque, que teñen un inmenso valor ambiental (incompatible con este tipo de actuacións) poden verse afectados polo traslado de materiais do vertido, debido ás correntes mariñas.

Desde Verdegaia cuestionamos, ademais, a necesidade de levar a cabo o proxecto de dragado, unha obra que, ademais de non ser imprescindible, reporta máis prexuízos que beneficios para o medio ambiente e para a poboación en xeral -e moi especialmente para o sector da pesca e marisqueo da Ría de Arousa-, e que só interesa a un sector minoritario da nosa sociedade. O dragado proxéctase para un fin privado de nulo interese social. En caso de que se fixese, as entidades que o demandan deberían correr cos gastos de dragado, tratamento e descontaminación do material extraído, e valorización do material ou eventual vertido controlado nun lugar onde permaneza inerte.

Consideramos lícito e lóxico que a cidadanía do concello de Poio se opoña ao vertido dos lodos nas proximidades da Illa de Tambo. Tamén entendemos e compartimos a preocupación do sector marisqueiro da Ría de Pontevedra que prevé afectacións á produción de mexillóns e navallas en dita Ría. Por iso pensamos que tampouco é apropiado o vertido nese punto. Porén, deslocalizar o vertido non soluciona nada. Só traslada o problema, afectando aos intereses sociais –tamén protexidos polo PNMTIAG– dos concellos próximos ao Parque Nacional e a Ría de Arousa, así como os intereses pesqueiros e marisqueiros destas áreas. Esta aparente solución, que non é outra cousa que espir un santo para vestir outro, parécenos irracional e moi desafortunada.

Instamos ao organismo xestor do Parque e á Consellería de Medio Ambiente a pronunciarse negativamente sobre o proxecto, e, en todo caso, a realizar unha avaliación exhaustiva tanto dos danos previstos como dos danos xa sufridos na zona de Sálvora polos vertidos que desde hai anos, e co beneplácito dunhas autoridades que mostran un absoluto desinterese pola protección do Parque, se veñen realizando.

Comentar noticia

Your email address will not be published.