As industrias lácteas aumentan a presión sobre as granxas instándoas por burofax a asinar cláusulas de custes falsas

Os novos contratos abusan das fórmulas variables deseñadas polas empresas para impoñer prezos á baixa aproveitando o baleiro de controis para garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

Cando arrincaba o inicio da campaña 2020-2021 no sector lácteo, en primavera, o Sindicato Labrego Galego xa alertou de que as industrias estaban a usar de novo as súas prácticas de extorsión para obrigar a asinar ás granxas contratos con prezos a baixa (ver bit.ly/CláusulaCustes). A grande novidade é que, desta vez, as recentes reformas na Lei da Cadea Alimentaria obrigaban a incluír nos contratos unha cláusula facendo referencia a que o prezo acordado por ambas partes cubría os custes de produción. Nese momento, dende o SLG denunciamos que as industrias estaban obrigando ás granxas a falsear esa cláusula para avalar prezos artificialmente baixos, sempre por baixo dos custes de produción.

A día de hoxe, cando estamos a piques de entrar no outono, o prezo do leite segue en caída libre (dos 32’7 céntimos de decembro aos 31’9 de xuño como media na Galiza, segundo o Fega), a pesares de aumentar o consumo de lácteos de pouco valor engadido, coma o leite UHT, que é para onde se destina a maior parte do leite recollido na Galiza. Para poder baixar o prezo do leite sen que existan razóns obxectivas de mercado, as industrias están a darlle cada vez un maior peso a fórmulas variables para formar o prezo final que pagan. Un bo exemplo témolo na principal empresa que recolle leite na Galiza, Lactalis, cuxos prezos en orixe parten dun valor de base de 29 céntimos, que contribúe ao 50% do valor final pagado, quedando o outro 50% suxeito a variables arbitrarias e decididas unilateralmente pola empresa; o resultado final é que se está impoñendo unha baixada de 1 céntimo con respecto ao prezo fixado no anterior contrato. A tendencia pode ir a peor porque se están ofrecendo contratos con vixencia até marzo, de maneira que se terán que renovar xusto ao comezo da seguinte campaña, en abril, cando os prezos adoitan baixar por causas estacionais.

AS PRÁCTICAS MAFIOSAS DA INDUSTRIA: DA AMEAZA VERBAL AO BUROFAX

O máis grave é que vimos de constatar o enorme grao de presión que está a exercer a industria para impoñer as súas condicións de compravenda. No SLG sabemos de granxas que se negaron a asinar a cláusula dos custes de produción que lles presentou a industria xunto co contrato e, diante desta negativa, e tras ter todo tipo de presións, acabar recibindo un burofax como ultimato para obrigalas a asinar unha cláusula de custes cos datos falseados.

Diante destas prácticas mafiosas coas que se lles está a extorsionar ás nosas granxas, resultan tan lamentables como hipócritas as recentes declaracións do director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo, nas que di que non lle consta que haxa abandonos de granxas por non cubrir o prezo do leite os custes de produción, e presumindo de que as industrias souberon adaptarse ben aos cambios na Lei da Cadea Alimentaria. Madia leva.

A realidade é que a situación do sector lácteo estase a tornar insostible para miles de granxas que seguen indefensas diante das prácticas de extorsión das industrias amparadas pola pasividade da administración, nomeadamente do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural. Por unha banda, o Ministerio segue sen facer cumprir a lei que el mesmo modificou a través de ferramentas como a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica). Por outra banda, a Consellaría segue sen cumprir a súa promesa de elaborar uns índices de referencia para fixar uns custes de produción oficiais na Galiza que se poidan reflectir nos contratos, e sen convocar aos axentes do sector para tentar chegar a acordos sobre prezos dende o diálogo.

Por iso dende o Sindicato Labrego Galego instamos a Agricultura e a Medio Rural a exercer as súas competencias. En primeiro lugar, pedimos a convocatoria urxente da mesa do leite, pois a extorsión das industrias están forzando unha baixada de prezos que, de seguir así, acabará sendo insostible para miles de granxas na Galiza. Os axentes do sector deben sentarse a falar en pé de igualdade e coa arbitraxe da administración para garantir a adopción de acordos beneficiosos para todas as partes. En canto ao Ministerio de Agricultura, debe deixar de mirar para outro lado e facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria para rematar cos abusos da industria. Ten ferramentas para facelo como a Aica e ten a obriga de velar polos intereses da parte máis feble da cadea de valor que é, precisamente, a que xera riqueza, emprego e mantén vivo o medio rural.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario