As inscritas decidirán a concorrencia de En Marea ás eleccións

Nun Consello telemático celebrado hoxe decidimos que Pancho Casal e María Chao asumisen a voceiría da formación, deixando a decisión sobre a concorrencia ás eleccións en mans das inscritas.
Publicado por o día 19/05/2020 na sección de En Marea,Política

As inscritas decidirán a concorrencia de En Marea ás eleccións

O Consello das Mareas acordou facer un chamamento a todos os espazos municipais e outras formacións políticas, da maneira mais aberta posible, para coñecer o seu posicionamento e implicación de cara ao proceso electoral, e a súa visión sobre a posibilidade de conformar unha plataforma electoral ampla na que En Marea, se así o deciden as inscritas, se incorporaría, co seu posicionamento e liñas políticas en relación ás emerxencias social, feminista e ambiental.

Anunciaramos que non participaríamos nos comicios que deberan terse celebrado o 5 de abril nun exercicio de responsabilidade e xenerosidade para non fragmentar máis o voto da esquerda. Nestes meses a situación mudou e para nós evidenciouse que esas forzas políticas non son suficente para conformar a verdadeira alternativa a Feijoo que a cidadanía precisa nuns momentos tan difíciles coma estes. Falta moita xente.

Nas asembleas telemáticas que realizamos a pasada fin de semana, das que participamos arredor de 150 persoas, houbo un amplo consenso referente á que a situación política do país cambiou de xeito radical durante estes meses.
Consideramos que unha organización política, ante unha situación excepcional e histórica como a actual, debe ter un posicionamento claro e o seu proxecto para a reconstrución do país e para afrontar a nova normalidade, e a maneira de concretalo é ofertarllo á cidadanía, cun proxecto viable para unha Galicia que afronte as emerxencias feminista, social e ambiental que estamos a sufrir e que previsiblemente agravaranse nos vindeiros meses.

Dada a magnitude da decisión, no Consello das Mareas acordaron celebrar un plenario telemático para que as inscritas poidan expresarse e ser elas quen teñan a decisión final sobre a concorrencia electoral, enfocando o debate sobre a pertinencia de concorrer, a forma de facelo e como artellalo.

O Consello das Mareas tamén acordou que neste tempo, Pancho Casal e María Chao exerzan a voceiría da organización. Como voceira, María Chao asegura “é un orgullo formar parte dunha organización que pon o feminismo como eixe central e transversal das súas políticas, por iso é un orgullo tamén poder poñerlle voz”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.