As Maimiñas e o equipo técnico-sanitario do PAC do Porriño ensinaron hoxe á comunidade escolar mosense a salvar vidas coas súas propias mans

Tratouse dun acto convocado con motivo do Día Europeo de concienciación do paro cardíaco que fóra aprazado a causa dos incendios acaecidos a pasada semana
Publicado por o día 23/10/2017 na sección de Galicia,Mos

As Maimiñas e o equipo técnico-sanitario do PAC do Porriño ensinaron hoxe á comunidade escolar mosense a salvar vidas coas súas propias mans

Esta mañá celebráronse en Mos os actos conmemorativos con motivo do “Día Europeo de concienciación do paro cardíaco” no auditorio do Multiusos das Pozas coa participación de 800 escolares do municipio. Os actos ían celebrarse o pasado luns 16 de outubro, día oficial do paro cardíaco, pero aprazáronse por mor dos incendios.

Durante a mañá realizáronse dous pases do espectáculo das Maimiñas, “As túas mans salvan vidas”, que contaron coa intervención do equipo médico – sanitario do PAC de Porriño.

Ademais das Maimiñas, do equipo médico – sanitario do PAC de Porriño e dos escolares, estiveron presentes, Ángeles Feijóo, xefa territorial da consellería de Sanidade en Pontevedra, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Sanidade e Política Social do Concello de Mos, Camilo Augusto, edil mosense de Educación, e a Dra. Nieves Turienzo, directora do Centro de Saúde de Mos.

Nesta iniciativa participaron escolares dos cinco colexios públicos de Mos. Dos CEIPS de Petelos, Atín, Pena de Francia e Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda), asistiron alumnos/as de terceiro a sexto curso de Primaria; e do Colexio Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos) asistiron todos os/as nenos/as do centro, tanto os dos cursos de Educación Infantil como os de Educación Primaria.

Dende o PAC do Porriño, e en colaboración co grupo musical As Maimiñas, quíxose ofrecer unha actividade lúdica para os nenos, a fin de conciencialos da importancia de saber que só coas súas mans poden salvar vidas e dotalos de coñecementos básicos de reanimación en caso de morte súbita.

morte súbita cardíaca é un evento polo que o corazón deixa de realizar a súa función de bombeo, presentando a persoa unha pérdida de coñecemento, parada cardíaca e parada respiratoria. Nestes casos unha pronta activación dos sistemas de emerxencia sanitaria e o inicio precoz de medidas básicas de urxencia aumentan a supervivencia e diminúen o risco de padecer secuelas graves. O ideal é iniciar todas esas manobras nos primeiros cinco minutos do evento.

O obxectivo desta actividade é sensibilizar, tanto ás institucións públicas como á cidadanía, da importancia de que a poboación en xeral aprenda a realizar as manobras de RCP; considerando que a mellor forma é empezar polos máis pequenos, dende os colexios, concienciando aos nenos.

A exposición realizada esta mañá no Multiusis fíxose a través dun espectáculo músico-teatral, no que As Maimiñas, acompañadas de música en directo, levaron a cabo unha explicación de como facer fronte a unha situación de morte súbita cardíaca. Durante a mostra, As Maimiñas estiveron acompañadas do equipo médico do PAC do Porriño, que formaron parte activa da mesma. Eles foron os encargados da explicación das manobras, para que se realizaran dun xeito correcto, e As Maimiñas foron as encargadas de facer que os nenos e nenas lembrasen cada unha das acción a executar, coas súas historias e cancións.

Interpretáronse tres cancións: unha na que se presenta o corazón como órgano vital, outra na que se explica o xeito de facer a RCP e unha última que canta a importancia das nosas mans, e dá nome ao proxecto “As túas mans salvan vidas”.

As Maimiñas son Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, ou o que é o mesmo, Mai e Miña. Son dúas mosenses que un día, celebrando a Semana da Familia no colexios dos seus fillos, decidiron actuar para eles.