As marchas da Dignidade, cos traballadores do Cunqueiro

Publicado por o día 30/09/2015 na sección de Social

As marchas da Dignidade, cos traballadores do Cunqueiro

A coordinadora quere mostrar o seu total apoio á loita dos traballadores, á xunta de persoal e aos pacientes afectados pola situación actual do Alvaro Cunqueiro.

“Consideramos que as medidas do peche dos celadores, motivada pola imposición dunha empresa privada para desenvolver parte das súas funcións de transporte interno que porá en perigo a súa estabilidade laboral, e a posterior folga de persoal prevista son medidas de oposición moi correctas e necesarias.

Celebramos a valentía dos traballadores ao mostrar o seu rexeitamento absoluto e non aceptar as lamentables carencias deste hospital, que se converteu en símbolo dun nefasto modelo de sanidade a evitar, da vergoñenta manipulación con selo electoral: un atropelo para a sanidade pública, universal e gratuita e unha falta de respecto aos dereitos dos seus traballadores, ademais de poñerse en risco o benestar dos pacientes e ata a súa integridade.

Recordemos que pola precipitación do traslado interpúxose unha denucia contra a conselleira de Sanidade por parte do sindicato médico en relación coa morte producida por aspergillus.

Condenamos firmemente o intento de facer negocio coa saúde, e o intento claro de mercantilizar a enfermidade dos cidadáns nesta caída libre cara á privatización máis censurable.

Duascentas mil persoas de Vigo e comarca manifestáronse para rexeitar esta escandalosa situación, agora o persoal foi claro en canto ao seu diagnóstico. Nos solidarizamos con eles e esiximos que se escoite a estes profesionais, dos que depende a Sanidade, que son os que a traballan.

Os poderes políticos son meros representantes do cidadán, e quedou claro que hai un clamor de protesta ante este xogar cos enfermos coma se fosen mercancía que comprar e vender, na cara máis podre do capitalismo implacábel e noxento.

Ao fío desta febre privatizadora, queremos recordar que as Marchas o 24-O VOLTAMOS AO OBRADOIRO A ESIXIR PAN, TRABALLO, TEITO E DIGNIDADE”.

PRENSA MARCHAS DA DIGNIDADE

Fotografía y vídeo: Roberto Solano