As Mareas Municipalistas chaman á unidade a todas as forzas progresistas galegas

As agrupacións locais lanzan un manifesto apelando a crear unha coalición electoral que poña fin ao goberno de Feijóo na Xunta de Galicia
Publicado por o día 18/02/2020 na sección de Política

As Mareas Municipalistas chaman á unidade a todas as forzas progresistas galegas

As Mareas municipalistas solicitaron esta mañá que as forzas progresistas galegas teñan altura de miras e antepoñan o interese xeral ao interese das súas respectivas formacións. Nunha comparecencia conxunta, presentaron un manifesto lanzado o domingo e que xa conta co apoio de 35 organizacións locais.

Foron Cristina Pérez Herraiz, de Lugonovo, e Enrique Oubiña, de Somos Ribadumia, as encargadas de poñer voz ao conxunto e amosaron o seu optimismo á hora de recibir máis apoios ao chamamento, e tamén á hora de convencer as forzas implicadas nun obxectivo complicado pero imprescindible para derrotar a Feijóo: “estamos seguros de que isto vai medrar moito máis, aínda hai organizacións pendentes de debatilo nas súas asembleas. As mareas que asinamos temos máis de 50 concelleiros e contamos con máis de 35 mil votos” subliñou Cristina Pérez antes de asegurar “que o municipalismo somos as organizacións que máis contacto temos coas persoas, traballamos coa xente sen intermediarios polo medio, polo tanto podemos coñecer de primeira man as demandas da cidadanía. Por suposto que a unidade é unha delas”.

Pola súa banda, Enrique Oubiña, incidiu no perigo de que que transversalidade do municipalismo non sexa coartada por un escenario de división: “o municipalismo que naceu no 2015 é un movemento amplo de consenso que moitas forzas políticas quixeron acaparar, pero a realidade é que estamos nos concellos como forzas soberanas e o que queremos neste momento ,ante as posicións de cara ao proceso electoral, é unificar todas as forzas que estamos neste espazo para planear unha alternativa que sexa útil a sociedade e que supoña tamén botar a dereita do goberno da Xunta. Queremos construír unha Galicia xusta, feminista e ecoloxista”.

MANIFESTO

CONSTRUÍNDO UN PAÍS FEMINISTA, ECOLOXISTA E XUSTO DESDE O MUNICIPALISMO GALEGO

As candidaturas municipalistas galegas, dende o pluralismo político e a diversidade territorial que nos definen, reclamamos o dereito a participar na construción dunha alternativa electoral plural de unidade galega para o vindeiro 5 de abril. Como representantes de milleiros de cidadáns e cidadás reclamamos tamén o recoñecemento e o respecto das organizacións políticas galegas, e a cambio ofrecemos a nosa cooperación leal, nunha andaina tan necesaria coma urxente, achegando o coñecemento que nos dá o traballar a pé de rúa e a carón dos nosos veciños e veciñas no día a día.

Acreditamos nun proxecto de profundidade nas expresións democráticas, de xustiza social, de igualdade de xénero e respecto a todas as liberdades persoais e colectivas; á nosa contorna natural e ao noso tecido produtivo, así como na nosa achega cultural á humanidade nunha concepción solidaria, ecoloxista e pacifista da sociedade. Asemade, afirmamos o carácter nacional de Galicia e o seu dereito á libre determinación dentro da forma de goberno republicana. Propoñemos, dende a máis sincera das xenerosidades, traballar sen acougo para conformar un proxecto electoral plural, político e de xestión, que sexa quen de aglutinar a todas as persoas e partidos que se reclaman da nación galega, sexa cal sexa a súa autodefinición, para sacar do Goberno Galego á dereita e poñer as institucións autonómicas ao servizo das maiorías sociais, acadar as máximas competencias recoñecidas no actual estatuto e defender o pleno recoñecemento da plurinacionalidade no Estado español.

É por isto que chamamos á unidade de todas aquelas organizacións políticas galegas, candidaturas municipalistas ou veciñais, e ás persoas en xeral interesadas e comprometidas con Galicia, a se uniren, cooperando horizontalmente, en igualdade dende a diversidade, nunha única coalición electoral o 5 de abril, con xenerosidade e altura de miras.

MAREAS MUNICIPALISTAS ASINANTES DO MANIFESTO

Marea Pontevedra, Lugonovo, Somos Ribadumia, Movemento Oia, ACE Bueu, EM A Guarda, EM Tui, Manifesto Miñor Nigrán, Manifesto Miñor Baiona, Manifesto Miñor Gondomar, Valga Viva, EM Ponteareas, Movemento Salceda, Sempre Corcubión, Marea de Ferrol, Somos Cabanas, Marea Veciñal de Touro, Asambleas Abertas por Curtis, Compromiso x Muros, Xuntos Carballo, Marea veciñal de Culleredo, EM Mondoñedo, EM Ribadadeo, Son Manzaneda, Xuntos por Chandrexa, Xuntos por Laza, Son de Pereiro, Son de Trives, MoveNeda, Marea Verín, Marea de Ferrol, Ourense Mellor, Somos En Marea Sanxenxo e Somos Cambados.