As medidas do goberno da Xunta son insuficientes para fomentar a natalidade

Acusa ao Goberno galego de tentar paliar a fenda salarial feminina e a precariedade laboral con “acheguiñas”, e non abordar alternativas aos baixos salarios das mulleres
Publicado por o día 26/02/2019 na sección de BNG,Política

As medidas do goberno da Xunta son insuficientes para fomentar a natalidade

A deputada do BNG, Montse Prado critica  a política social do Goberno galego e replica á conselleira, Fabiola García que as medidas para fomentar a natalidade e mellorar a situación laboral e salarial das mulleres  son “insuficientes”.

Tras a comparecencia da titular de Política Social, Fabiola García para explicar as liñas de actuación do seu departamento, a nacionalista reiterou que  medidas como as casas niño ou a tarxeta benvida non son suficientes para que en Galiza as persoas decidan ser país ou nais. Na súa opinión, o instrumento fundamental para decidir ter fillos é “ter un traballo e un salario digno” porque sen  recursos económicos, resulta imposible, desenvolver un proxecto de vida.

En Galiza,  explicou, Prado,  as “mulleres padecen unha profunda  fenda salarial”, o 37% das mulleres asalariadas cobran menos do salario mínimo interprofesional e o 20,5% non alcanza a metade deste salario. O goberno galego pretende resolver esta g situación ofrecendo “unhas acheguiñas”. Por outra parte, lembrou que un  gran número de mulleres  son despedidas a causa da maternidade, ou ben son obrigadas a reducir a xornada coas consecuentes repercusións cara as xubilacións.

Para a deputada, a precarización salarial e laboral  “ten cara de muller” e o problema, afirmou, non se resolve con cheques bebés.

O ESTADO DEBE A GALIZA 186 M€  EN  DEPENDENCIA  

Con cartos públicos, recalcou a nacionalista  “non se pode financiar a precariedade e a explotación. Rectifique a política de privatización de servizos e pase de financiar prazas con fondos públicos a construír  unha rede pública de escolas infantís e de residencias de maiores”.

Nesta liña, pediu aumentar  o orzamento para a Atención Temperá até os 10 millóns de euros. Nesta materia, dixo, en Galiza o investimento por neno ou nena non chega aos 20 euros, mentres que Cataluña destina 91 euros, Navarra, 74 e Aragón 84 euros.

Prado propuxo outras medidas para mellorar os servizos sociais entre as que  destacou: “Unha campaña de impulso e fomento das solicitudes de dependencia, nomeadamente entre as persoas maiores de oitenta anos, demandar do Estado a débeda de 186 millóns de euros  para  restituír os recortes acumulados e desenvolver a Lei de dependencia, rectificar a política de persoal aumentando os cadros, converter  os contratos de fin de semana e de media xornada en contratos de xornada completa,  cubrir as ausencias dos centros, repoñer o dereito a librar 2 días seguidos festivos e respectar os   dereitos de conciliación das mulleres que traballan na súa consellaría, “para que non teñan que recorrer ao xulgado, a reclamar estes dereitos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.