As medidas para evitar a expansión da covid protagonizan o primeiro Consello de Goberno da UVigo do curso 20/21

Luz verde a axustes nas modalidades de inicio de docencia en Historia e Belas Artes
Publicado por o día 18/09/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As medidas para evitar a expansión da covid protagonizan o primeiro Consello de Goberno da UVigo do curso 20/21

A menos de tres días para que o vindeiro luns 21 de setembro comece de xeito oficial o curso 2020-2021 na UVigo, o Consello de Goberno celebrou hoxe unha sesión na que as medidas xa adoptadas e as que se comezarán a aplicar en próximos días contra a covid-19 protagonizaron as algo máis de tres horas que se prolongou a xuntanza. Así, no seu informe, co que comezou a sesión, o reitor destacou as accións que a institución está a adoptar como son realización, previsiblemente a partir da vindeira semana, de preto de 3000 probas PCR ao PDI e PAS e ás que se engadirán outras 200 PCR aleatorias máis de control semanal, que está previsto manter ao longo de todo o curso e que se realizarán preferentemente ao alumnado. Así mesmo, Reigosa se referiu hoxe ás modificacións operadas na distribución dos espazos nos centros, asi como ás ferramentas de seu desenvolvidas pola institución para garantir a docencia presencial e remota, como Campus Integra que permitirá aos centros dispor de aulas preparadas para impartir docencia de xeito simultáneo a alumnado presencial “in situ” e en remoto. “Os centros que optaron por este sistema van funcionar moi ben e darannos moitas ledicias”, dixo o reitor, que tamén destacou a instalación de códigos QR que permitirán a partir da semana que vén, previo rexistro, saber en que posición está o alumnado en cada aula.

Na primeira sesión de Consello de Goberno do curso 2020-2021 celebrado este venres aprobouse a creación dun comité de asesoramento sobre covid e o sistema de selección dos seus membros. Integrado polos vicerreitores de Profesorado, Alumnado e Planificación; a xerenta; o Servizo de Prevención de Riscos Laborais e un representante do PDI e un PAS, nomeados polos sindicatos, e do alumnado, elixido polos representantes en Consello de Goberno, este comité terá a función de asesorar ao reitor sobre as medidas a adoptar a partir dos datos de contaxios rexistrados. “Este é un comité complementario ao xa existente, que estudará os resultados das PCR e dos QR para ver se é preciso pechar algunha aula, algún curso….”, asegurou o reitor, que reiterou que a Universidade non pode ser un centro de contaxio e que “temos que ser exemplares na tarefa de darlle prioridade á saúde sen perder a docencia”.

Axustes nas modalidades de docencia no inicio do curso en Historia e Belas Artes

Despois que o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado agradecese o esforzo realizado polos centros para manter por todos os medios a presencialidade na docencia no inicio do curso, o Consello de Goberno aprobou axustes en dous centros nas modalidade de docencia no inicio de curso. Dunha banda, a solicitude da Facultade de Belas Artes de pasar á modalidade virtual unha materia de primeiro e outra de terceiro curso co obxectivo de “garantir a seguridade á que nos obriga a situación”, xustificaron desde o decanato do centro. Así mesmo, no caso da Facultade de Historia e por mor do incremento rexistrado no número de estudantes matriculados no primeiro curso (un total de 60 para as 40 prazas ofertadas) aprobouse a docencia síncrona repartida en tres quendas semanais. Así mesmo, na maioría das materias, dúas quendas realizarán prácticas presenciais e en dúas todas serán presenciais (dependendo do número de grupos establecidos na PDA). Pola súa banda, o Consello rexeitou a petición do Máster de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas para ter a docencia do primeiro cuadrimestre a distancia, ao considerarse que non existe motivación para elo, aínda que se acordou buscar unha solución a esta cuestión.

Xa na quenda de intervencións, e ante as apelacións de Daniel Couto do Consello de Estudantes “á responsabilidade e a non correr riscos por manter a presencialidade”, o reitor e o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, reiteraron a capacidade da institución para facer detección temperá e “para que este curso sexa un éxito e que o alumno poida aprender con esta rara combinación de presencialidade e distancia”, dixo Reigosa, que tamén aproveitou a súa intervención para destacar o “éxito extraordinario” acadado pola UVigo na matrícula do primeiro curso dos graos, “tendo que remontarse aos anos do babyboom para ter uns datos similares”, dixo o reitor, que avanzou que en próximos días se farán públicos.

Luz verde a programas de captación de persoal investigador…

Por asentimento, o Consello aprobou hoxe o Programa de captación de persoal investigador seleccionado nas convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC) e a convocatoria 2020 do Programa de captación de talento investigador de excelencia. En canto ao Programa para a captación de persoal investigador seleccionado nas convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC), Starting Grant, Consolidator Grant ou Advanced Grant “a convocatoria é similar á de 2015 e 2016 en canto aos obxectivos, pero mellorouse un pouco porque estaba anticuada, contemplando aspectos como a protección de datos, entre outros. Ademais en lugar de ser unha convocatoria aberta no tempo (como fora nos casos anteriores) está limitada, condicionada pola urxencia de que a resolución das ERCs foi en setembro e algún dos proxectos empezan en outubro/novembro”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación. Este programa permite que investigadores e investigadoras gañadores dunha das axudas do ERC  poidan desenvolver satisfactoriamente os seus proxectos na UVigo, “con contratos que representan un paso intermedio para que estes investigadores poidan optar ao programa Oportunius como é o caso actualmente de Elena Ojea (da convocatoria do 2015) ou foi de José Tubío (na convocatoria do 2016)” explica Rubio.

Pola súa banda, a convocatoria 2020 do Programa de captación de talento investigador de excelencia, “está deseñada para incorporar un investigador ou investigadora altamente citado (higly cited researcher-HCR) na derradeira lista publicada por Clarivate Analytics. O interese deste persoal HCR  e que permite acadar niveles de excelencia para ascender nos rankings, así o HCR é un dos criterios tidos en consideración no ránking de Shangai”, detalla Rubio, que lembra que estes investigadores/as adoitan captar máis proxectos internacionais e publicar en revistas de prestixio (Nature, Science), que tamén contan con unha porcentaxe importante nos ránkings.

….e paso adiante para o Grao en Relacións Internacionais

Ademais de aprobar as memorias para as solicitudes de verificación do Máster en Desafíos das Cidades Atlánticas e dos programas de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións e en Ciencias Sociais e Envellecemento e de modificación do Doutoramento en Educación, Deporte e Saúde, na sesión de hoxe tamén se deu luz verde á delegación na COAP da aprobación da memoria para a solicitude de verificación do Grao en Relacións Internacionais. “Agora mesmo a memoria está a exposición pública para alegacións e o día 28 irá a COAP e o día 30 a Consello Social. Con iso remata a tramitación interna e envíase a Secretaría Xeral de Universidades, que fai unha análise e emite un informe previo no que indica se autoriza ou non o seu envío a Acsug para verificación. En caso de que sexa así, fará a avaliación ao longo do presente curso e, se todo vai ben, estaría lista para implantarse e comezar no curso 2021/22”, explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, en relación co que será o primeiro grao interuniversitario do SUG, que impartiran a UVigo e a UDC.

Por outra banda, o Consello acordou rexeitar os recursos de reposición contra o acordo de Consello de goberno de marzo polo que se establecen os criterios para a elaboración do POD para este curso. En concreto os recursos solicitaban que o profesorado asociado doutor e o profesorado asociado non doutor non figuren como dous categorías diferentes, senón como unha soa que englobe a todo o profesorado asociado. Así mesmo, hoxe se aprobou a extensión da data límite de entrega de actas para TFG e TFM ata o 11 de decembro do 2020.

Comentar noticia

Your email address will not be published.