As medidas provisionais da Xunta na Lei de Acompañamento buscan eludir fraudulentamente as sentenzas xudiciais que anularon plans urbanísticos

Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea: “A nova regulación da Ordenación urbanística é unha chapuza xurídica e traerá unha elevada inseguridade xurídica”.
Por o 06/12/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
As medidas provisionais da Xunta na Lei de Acompañamento buscan eludir fraudulentamente as sentenzas xudiciais que anularon plans urbanísticos

Para En Marea o Titulo IV do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, “Medidas provisionais de ordenación urbanística”, presentado polo goberno galego ten como finalidade inmediata eludir o cumplimento das sentenzas anulatorias de plans urbanísticos, como é o caso do PXOM de Ourense, Vigo ou outros, e mesmo de aplicación aos que os Tribunais poidan anular no futuro.

A Lei de Acompañamento introduce, sen modificar a Lei do Solo de Galicia recentemente aprobada, unha nova figura de planeamento, unha ordenación urbanística provisional (OUP), que resucitará a ordenación contida no plan anulado, mesmo sen necesidade de adaptarse plenamente á normativa urbanística vixente na actualidade. Ou, o que é o mesmo, a ordenación anulada poderá ser aprobada de novo, mediante unha OUP que carece na actualidade de amparo normativo tanto na normativa básica estatal (texto refundido da lei do solo) como na urbanística galega.

“A aprobación definitiva de dita OUP corresponderá ao Pleno da Corporación , de modo que a Xunta de Galicia, consciente da impresentable chapuza xurídica, pretende eludir toda responsabilidade fronte a posibles recursos contencioso-administrativos ou fronte a reclamacións de responsabilidade patrimonial derivadas do caso de que os Tribunais anulen de novo dita OUP”, sinala o vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez que denuncia que “nen sequera se prevé a emisión pola Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de informe preceptivo e vinculante no procedemento de aprobación de dita OUP”.

En definitiva, a Xunta de Galicia ven actuando cunha completa improvisación e cun alarmante e constante desprezo ás sucesivas sentenzas que no eido do urbanismo veñen convertindo éste campo nun enguedello onde os principais damnificados son os cidadáns.

Aínda non hai un ano aprobábase a Lei 2/2016 do solo de Galicia e nestes meses xa tivo que sufrir dúas modificacións sustanciais, unha delas a que agora pretende aprobar o Parlamento de Galicia, inventándose un novo instrumento de planeamento, a OUP que estando prevista na Lei 9/2002, LOUG, foi descartada na Lei 2/2016, pero agora as urxencias (Ourense, nomeadamente) determinan a inventiva xurídica en forma de chapuza irresponsable dun goberno que en urbanismo lexisla en función da improvisación e das ocorrencias.

En Marea enmendará os artigos correspondentes a éste Título IV da Lei para tratar de evitar unha carreira dos disparates urbanísticos e insta ao Goberno galego a non optar por pretendidas solucións que, ao cabo, empioran mais os problemas.

Tapar as vegoñas urbanísticas de Ourense

Os contidos da Lei de Acompañamento pretenden servir para tapar as responsabilidades de Feijoo e o PP no planeamento de Ourense. É nestes momentos, unha lei feita para tapar, entre outras, as vergoñas urbanísticas de Ourense. Feijoo era o conselleiro da COTOP cando asinou e aprobou en abril do 2003 o PXOM de Ourense que foi anulado en sentenza firme, e era o presidente da Xunta cando se aprobou en Consello da Xunta en setembro de 2011 a Ordenación Urbanística Provisional anulada por sentencia do TSXG.

O viceportavoz de En Marea, asegura que é unha lei para lle salvar a situación ao seu ex-conselleiro, Jesús Vázquez e actual alcalde, incapaz de tramitar e pactar o novo Pxom de Ourense, a única vía posible para darlle unha saída satisfactoria ao urbanismo de Ourense, pero paralizada pola falla de capacidade política do alcalde e grupo de goberno.