As mesas electorais das eleccións unificadas nas cofrarías de pescadores de galicia pecharon sen incidencias significativas

Nas confrarías do Vicedo, Fisterra, Sada e Mera non foi necesario votar porque o número de candidatos coincide co número de vogais que teñen que ser elixidos
Publicado por o día 30/09/2018 na sección de Mar

As mesas electorais das eleccións unificadas nas cofrarías de pescadores de galicia pecharon sen incidencias significativas

As mesas electorais das eleccións unificadas nas confrarías de pescadores de Galicia quedaron xa pechadas na súa totalidade. Por parte das confrarías non foi notificada de xeito formal ningunha incidencia significativa.

En catro das 63 confrarías que hai en Galicia -O Vicedo, Fisterra, Sada e Mera- non foi necesario votar porque o número de candidatos coincide co número de vogais que teñen que ser elixidos.

Os resultados están sendo comunicados á Consellería polos secretarios de cada confraría que levantan a acta cos resultados provisionais das votacións e que teñen a obriga de remitila no prazo das 24 horas seguintes ao día das eleccións (sen ter en conta o domingo), tal e como establece a orde do 29 de abril de 2014. Polo tanto, os resultados globais provisionais de participación de toda Galicia non estarán completos ata a obtención de todas as actas de escrutinio.

Trala xornada de hoxe, a data límite para a constitución da xunta xeral e a elección provisional do patrón maior é o 15 de outubro. O 25 de outubro esta elección deberá ser definitiva e o 26 de outubro será a toma de posesión dos patróns maiores.

Elección dos patróns e vicepatróns

Os membros da xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta ao patrón ou patroa maior entre os candidatos presentados. Para o caso de empate resolverase a favor do membro do xénero infrarrepresentado no censo do sector da produción. No caso de persistir o empate, resolverase en primeiro lugar a favor do membro de maior antigüidade, en segundo lugar a favor do membro de maior idade e, se fose necesario, resolverase por sorteo.

A continuación e no mesmo acto, a xunta xeral elixirá de entre os seus membros os vicepatróns maiores primeiro e segundo e os vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

Todos estes pasos veñen explicados na normativa que regula as eleccións, publicada no Diario Oficial de Galicia do 5 de maio de 2014 e que regula todo o proceso electoral nas confrarías de pescadores e establece o proceso a seguir en cada momento, detallando todos os pasos para elixir o patrón maior e os membros do cabido. Tal e como establece esta normativa, os comicios desenvólvense en tres partes. En primeiro

lugar as eleccións nas 63 confrarías de pescadores de Galicia, despois celebraranse as votacións nas 3 federacións provinciais e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Galicia.