As mobilizacións da comunidade educativa acabaron coas reválidas da LOMCE

As organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Ensino Público consideran que a xornada de mobilización do mércores, día 26 de outubro, motivou a decisión de Mariano Rajoy de anunciar a fin das reválidas da LOMCE
Publicado por o día 27/10/2016 na sección de CC.OO,Formación,Galicia,Sindicatos,Vigo

As mobilizacións da comunidade educativa acabaron coas reválidas da LOMCE

As organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Ensino Público consideran que a xornada de mobilización do mércores, día 26 de outubro, motivou a decisión de Mariano Rajoy de anunciar a fin das reválidas da LOMCE. A comunidade educativa «volveu falar democraticamente», sinala a Plataforma. A contestación social contra as reválidas e a LOMCE foi un «éxito absoluto»: un 98 % de seguimento da folga en secundaria e case un 70 % en infantil e primaria. Aulas baleiras. Rúas cheas. «Onte matamos as reválidas e mañá remataremos coa LOMCE», sentencian desde a Plataforma.

O alumnado e as familias «lograron de sobra o seu obxectivo»: Rajoy vese obrigado a anunciar que as reválidas non terán carácter académico. Para cumprir co que di, debe derrogar o Real decreto 310/2016. As organizacións que integran a Plataforma felicitan de xeito especial as organizacións estudantís (SE) e o movemento asociativo de nais e pais (CONFAPA-Galicia), polo «éxito indubidable» do seu chamamento a baleirar as aulas. Tamén o profesorado pola súa colaboración no éxito desta xornada. Ven na convocatoria «un triunfo» das organizacións da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, das que partiu a iniciativa de convocar esta «histórica» xornada de loita.

CONFAPA, CCOO-Ensino, FEsP-UGT, IESGA, SE, Escola Viva e STEG instan a Consellaría de Educación e o Parlamento galego a que «tomen nota» do acontecido onte e xestionen o sentir da comunidade educativa galega. «Aos grupos políticos que nos apoiaron pedímoslles que cumpran os seus compromisos con esta Plataforma e promovan iniciativas no Parlamento galego e español que acaben de vez co sufrimento de alumnado, familias e docentes, e que comecen o camiño da derrogación da LOMCE e dos recortes», conclúen desde a Plataforma.