As candidatas de Marea Pontevedra Teresa Casal e Peque González, acompañadas de Tareixa Ledo Regal e de Lidia Senra, candidata ao Parlamento Europeo por En Marea, mantiveron unha conversa entre mulleres na Casa da Luz.
A conversa desenvolveuse en torno a necesidade de enfocar con mirada violeta distintos aspectos que conforman a vida dun concello e que o goberno do bloque de Lores ten esquecido: mirada violeta nos espazos comúns das parroquias e da cidade, procurando elementos que faciliten a realización dos coidados, tarefa maioritariamente a cargo das mulleres. Mirada violeta na activación do deporte feminino desde os inicios, priorizando desde o concello aos clubs que teñan categorías femininas e tendan á paridade entre homes e mulleres nos seus órganos de dirección e monitores. Mirada violeta nos eventos e festas, coa habilitación de Puntos Lilas nos que se atenda, informe e axude a vítimas de abusos e agresións sexuais. E con mirada violeta, elaborar xa, de xeito participado, un Plan municipal de loita contra as violencias machistas e ampliar o persoal cualificado no CIM.
Lidia Senra destacou a necesidade de entender a importancia da Unión Europea que decide o 80% das políticas que afectan á vida diaria das galegas, polo que urxe poñer en marcha unha directiva para erradicar a violencia machista, promover a participación das mulleres en pé de igualdade en todos os eidos, e que se respecten os dereitos das mulleres.
Noticias de última hora en Vigo