As mulleres prostituídas, entre a falta de empatía e crueldade do cliente e a indiferenza da sociedade

Esta tarde a investigadora Silvia Pérez Freire falará sobre a explotación sexual en Ourense
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As mulleres prostituídas, entre a falta de empatía e crueldade do cliente e a indiferenza da sociedade

Segundo un informe elaborado polas Nacións Unidas, España é o terceiro país do mundo en demanda de prostitución, tan só tras Tailandia e Puerto Rico. Os datos amosan que no Estado español o 39% dos homes pagaron nalgún momento da súa vida por manter relacións sexuais, mentres que en Tailandia a cifra ascende ao 71%  e en Puerto Rico ao 61%.

Son cifras, pero reflicten un grave problema social, amosan unha sociedade que vive de costas a unha realidade: o 90% das mulleres que exercen a prostitución fano de maneira forzada. Para abordalo, analizalo e concienciar á cidadanía, a Universidade de Vigo uniuse á conmemoración do Día internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas, que se celebrou onte luns, coa organización das xornadas nos campus de Ourense e Vigo.

Esta mañá a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu a proxección do documental Serás hombre, dirixido por Isabel de Ocampo. Segundo a directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez, esta peza “é unha interpelación a todos os homes, tanto aos modelos de masculinidade hexemónicos, como aos alternativos, feministas etc .”

Isabel de Ocampo, directora do documental Serás hombre, proxectado no marco das xornadas

Xa pola tarde, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolle un debate sobre a prostitución da man da profesora de Socioloxía no campus de Pontevedra Silvia Pérez Freire, autora de varios estudos sobre explotación sexual e seis libros monográficos, entre eles El putero español, asinado xunto á propia Águeda Gómez e Rosa María Verdugo. A súa tese de doutoramento centrouse na trata sexual como mecanismo social de ocultación da prostitución como violencia de xénero e esta é a idea central da súa intervención, titulada Os homes e a prostitución. Por que dicimos trata se falamos de prostitución?. “A trata sexual está sendo na actualidade un artefacto co que a sociedade aspira a deixar fora de campo a prostitución, o seu cuestionamento ético e, sobre todo, a calmar unha conciencia social que non desexa ser interpelada… sobre todo, a dun tipo de masculinidade”.

Trata, explotación e prostitución, o marco xurídico é parte do problema

Pérez Freire lembra que é precisamente o marco xurídico o que establece as diferencias entre trata, explotación e prostitución “é parte do problema”. Explica que só se considera vulneración de dereitos humanos a trata, aínda que tamén puntualiza que non “se estea a perseguir coa dilixencia debida”. Porén, a explotación sexual, “que está penada tamén pero conta cunha ampla tolerancia social e institucional” e a prostitución “seguen sen abordarse con valentía e rigor”. A investigadora considera que representan unha “manifestación da violencia da xénero existente, quizais a máis cruenta, e seguimos dándolle as costas”, xa que as mulleres explotadas e prostituídas “non contan coa solidariedade social, só coa desconfianza e o estigma”, remarca.

Case un de cada catro homes son prostituidores

Tras este negocio, ademais de redes criminais e unha contorna de permisividade, hai tamén unha sociedade marcadamente patriarcal. Para Pérez Freire “atopámonos nun sistema prostitucional cunha corrupción xeneralizada unida a unha conivencia total co consumo de sexo de pago e iso implica a todos e todas”. Neste sentido lembra que a cidadanía tende a mirar cara outro lado pero “o certo é que nos toca máis de preto do que poderíamos pensar, xa que case un de cada catro homes son prostituidores, polo que ben seguro que coñecemos a moitos, sen sabelo realmente”.

É precisamente a actitude, falta de empatía e frialdade dos clientes-prostituidores outra das claves do mantemento deste sistema de explotación. “Non queren saber”, recoñece a investigadora, “o que din cando algunha muller lles conta a súa situación é que son películas, para dar pena e sacarlles máis diñeiro”. Nos diferentes estudos e investigación que foi realizando ao longo do tempo, Pérez Freire contrastou que ese é o lugar común dos consumidores de prostitución. A súa conducta prostituidora “esixe falta de empatía como mínimo e, en moitos casos, exercicios de crueldade ao non ter en conta a dor do outro, case o mesmo que fai a sociedade coa súa indiferenza”, conclúe a socióloga.

Dous dos paneles da exposión Excusas, na EE de Telecomunicación

Excusas, unha mostra na EE de Telecomunicación

No marco desta xornada, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolle dende o pasado venres e ata o día 4 de outubro a exposición Excusas, unha serie fotográfica que destapa os motivos que esgrimen os homes para pagar por sexo. “Pago e xa esta, non me preocupo de nada máis, é algo á venda que eu compro” ou “ligar costa moito traballo e ademais non tes ningunha garantía de éxito” son algúns dos testemuños que se recollen nesta mostra, que tamén visibiliza as denuncias das mulleres prostituídas, que recoñecen, por exemplo, que non o viven como un traballo, “senón como unha violación detrás de outra” ou que “o cliente ten o poder porque sabe que o necesitas para vivir”.

A EE de Telecomunicación acolle ata o día 4 de outubro a exposición Excusas, unha serie fotográfica que destapa os motivos que esgrimen os homes para pagar por sexo.