As mulleres resultan especialmente prexudicadas pola precariedade e son maioría nos coidados, conclúe un estudo de CCOO

O documento, titulado ‘Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas’, afonda na segregación ocupacional e a fenda salarial de xénero
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

As mulleres resultan especialmente prexudicadas pola precariedade e son maioría nos coidados, conclúe un estudo de CCOO

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentou este luns un estudo titulado «Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas», que afonda na segregación ocupacional e a fenda salarial e de xénero. A secretaria de Muller e Igualdade do sindicato, Mamen Sabio, explicou que o informe ofrece indicadores obxectivos da situación social, económica e laboral das mulleres en Galicia, «co percorrido por varias áreas cun impacto de xénero determinante».

Segundo a sindicalista, o sistema establecido «continúa segregando» en función dos xéneros, sexos, etnias, xeracións e estratificación social «á hora de ofrecer oportunidades de acceso ao mercado laboral e, en consecuencia, ao sistema socioeconómico predominante».

Un exemplo: malia igualaren e ata superaren o nivel educativo dos homes, as mulleres seguen estando sobrerrepresentadas en empregos con menor remuneración e baixa produtividade. «Especialmente segregados están todos os sectores dedicados ao coidado doutras persoas, como a educación, a sanidade, os servizos sociais ou o emprego doméstico», apuntou Sabio.

Para a sindicalista, «a negociación colectiva e os plans de igualdade son a vía para conseguir mellores condicións laborais e eliminar as discriminacións entre homes e mulleres». Desde esta perspectiva, CCOO está dando pasos relevantes para priorizar nas mesas de negociación a erradicación da fenda salarial e combater a violencia de xénero, o acoso sexual e por razón de sexo; e está acordando medidas e plans de igualdade a través da representación legal dos traballadores e traballadoras. «Apostamos por alternativas de cambio desde o sindicalismo: o apoderamento sociolaboral de xénero», salientou.

Fenda salarial

Segundo datos recollidos na Enquisa anual de estrutura salarial (EES) do ano 2017 —últimos datos dispoñibles—, o salario medio das mulleres ese ano andaba arredor dos 18.833,53 euros e o dos homes, 24.321,64 euros. Isto supón unha diferenza bruta a favor do salario masculino de 5488,11 euros. Na contratación temporal, a diferenza ou fenda salarial non foi tan forte pero, aínda así, as mulleres galegas cobraron no 2017 un 14,3 % menos ca os homes neste tipo de contratación.

Isto dáse incluso en sectores onde as mulleres son maioría, como o dos servizos, onde a diferenza no salario anual entre mulleres e homes ascende a case o 28 % a favor do salario masculino.

Precariedade laboral

Os diferentes indicadores analizados neste estudo evidencian que as mulleres resultan especialmente prexudicadas pola precariedade laboral. Por exemplo, a ocupación en xornadas completas supón o 57 % no caso da poboación masculina, pero só o 43 % para a feminina; ou a xornada parcial, onde as mulleres supoñen o 75 % desta modalidade. Ambos os dous datos retratan claramente a precariedade laboral das traballadoras galegas.

A xornada parcial non adoita ser elección da persoa traballadora e devén en situacións de precariedade laboral porque lastra o salario e empobrece as persoas e as súas familias. Medra constantemente e máis para as mulleres. O 35 % das persoas que traballan a xornada parcial porque non atopan traballo a xornada completa son mulleres.

As cifras de paro tamén afectan máis ás mulleres: 79.500 mulleres paradas a finais do 2019, e medra con respecto ao 2018 en máis do 4 %. Os homes en paro foron 66.200.

Segregación laboral e dos coidados

Na categoría de ocupacións técnicas, científicas e profesionais é onde as mulleres se fan notar (58,8 %); pero son maioría nas ocupacións de empregos contables, administrativos e outros empregos de oficina (67,73 %).

Como xa se indicou, os coidados manifestan unha gran segregación de xénero. Segundo os datos dispoñibles máis recentes, o 87,9 % das persoas que nin teñen nin buscan emprego por mor das responsabilidades familiares son mulleres. Así mesmo, o 97 % das persoas que traballan a xornada parcial por coidado de menores, persoas enfermas ou maiores, tamén son mulleres. E está feminizado o dato referente ás excedencias laborais (máis do 78 %).