As Nadaladas do Teucro xa están aquí

Lores: “Hai artesanía de todo tipo, interesante e apetecible para agasallos de Nadal. Vale a pena vir”
Por o 20/12/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra
As Nadaladas do Teucro xa están aquí
Compartir en:

Artigos de coiro, tecidos, xoias, instrumentos musicais, zocas,… ata 31 artesás participan na renovada Feira de Artesanía e Agasallo de Pontevedra que hoxe abriu as portas baixo o nome As Nadaladas do Teucro. A feira estará aberta desde hoxe até o 5 de xaneiro no seguinte horario: de 11 a 14 horas e de 17 a 21.30, agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro que pechará.

Ata alí achegouse o alcalde Miguel Fernández Lores quen percorreu os postos acompañado polo presidente da CCU-Zona Monumental, Miguel Lago e xunto a eles a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías. O departamento que dirixe promove xunto a asociación de comerciantes do centro histórico o evento feiral.

“Fixemos un cambio necesario e para mellor” sinalou o alcalde quen valorou positivamente a nova instalación da feira, máis hermética, con novo piso, cunha fiestra aberta a praza.

“Hai artesanía de todo tipo, interesante e apetecible para agasallos de Nadal” comentou o Fernández Lores após do percorrido. “Que a xente saiba que existe esta feira e que pasen polo menos a dar unha volta pola praza do Teucro, se compran mellor e se non compran xa o farán outro día” animou o alcalde que lembrou que “a xente que está aquí son maioritariamente autónomos, están traballando os seus propios produtos e interésalles darse a coñecer. Vale a penar vir aquí”.

Tamén o presidente de CCU Zona Monumental, Miguel Lago, amosou a súa confianza no tirón da reformulada feira. “É un acerto” sinalou para de seguido engadir “o produto que se presenta, a forma e o lugar son inmellorables”.

As Nadaladas do Teucro inclúen actividades complementarias como obradoiros – Que ten de especial o Nadal en Pontevedra?, de cera, velas decoradas, postais de Nadal, maquillaxe, hoxe mercamos nós-, cata e degustación de cervexa, contacontos ou visita de Papa Noel.

Descargate aquí ás Actividades Nadaladas do Teucro