As navieras cuestionan a eficacia do modelo de xestión de reservas proposto pola Xunta

Os armadores solicitaron hai case dous meses unha reunión co Goberno autonómico e aínda non recibiron resposta
Por o 19/02/2018 | Sección: Mar,Naval
As navieras cuestionan a eficacia do modelo de xestión de reservas proposto pola Xunta

O sector do transporte marítimo de pasaxeiros mostrou a súa desconformidade coa proposta que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio realizou este fin de semana sobre a xestión de reservas para as visitas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. O modelo que quere implantar a Xunta de Galicia, desde o punto de vista das navieras, complicaría máis aínda os trámites para os viaxeiros que queiran visitar un dos maiores activos turísticos da comunidade autónoma.

As empresas do sector consideran que este sistema sería “pouco eficaz” e propoñen un modelo diferente para a xestión das reservas. Insisten en que enviaron tamén un paquete de medidas que garantirían a transparencia do sistema e solicitan con carácter urxente unha reunión para tratalas en profundidade cos responsables da Administración.

Os empresarios do sector expresaron tamén o seu malestar ante a forma en que a Xunta está a abordar a problemática do transporte de pasaxeiros ao Parque Nacional. Denuncian que se decataron desta proposta a través dos medios de comunicación e lembran que hai case dous meses xa solicitaran, sen recibir resposta, unha reunión co goberno autonómico. Critican que, agora, poucas semanas antes do inicio da campaña de Semana Santa, a Xunta presente esta iniciativa sen tan sequera informar previamente as navieras.

Esta falta de diálogo preocupa aos armadores, que lembran que están en xogo moitos postos de traballo directos e indirectos, xa que as Illas Atlánticas reciben cada ano a visita de máis de 300.000 turistas (máis de 200.000 só nas Illas Cíes).

As navieras defenden o seu traballo na última década: “ofrecemos un servizo de transporte marítimo aos usuarios de gran calidade e as nosas suxestións poden contribuír a que as Illas Cíes e todo o Parque Nacional conten cun procedemento de reserva e venda transparente, fiable e áxil para o consumidor”.

Navieras que subscriben o escrito: Baía Sub, Cruceiros Rías Baixas, Nabia Naviera, Naviera Mar de Ons, Naviera das Rías Galegas e Circuítos Rías Baixas

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.