As nenas e os nenos da EEI de Verducedo, en Moaña, aprenden sobre a compostaxe co “Xardín dos Bichocos”

As e os escolares estrean os novos obradoiros e contos do Plan Revitaliza da Deputación para ensinar de maneira lúdica a necesidade de xestionar o lixo dun xeito sustentable
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Moaña

As nenas e os nenos da EEI de Verducedo, en Moaña, aprenden sobre a compostaxe co “Xardín dos Bichocos”

As pequenas e pequenos da Escola de Ensino Infantil de Verducedo, en Moaña, coñeceron estes días as novas e novos personaxes do mundo Revitaliza que lles axudaron a aprender de maneira divertida en que consiste a compostaxe: os Bichocos. Persoal do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) realizou varias actividades na escola para explicarlles todo o proceso de separación do lixo e a produción de compost, e o resultado foi todo un éxito entre a comunidade de escolares.

Coa axuda de personaxes ilustrados e de elementos orgánicos coma follas, sementes e area, o persoal utiliza unha mesa de luz para contar a historia dos Bichocos cun resultado plástico, visual, sensorial e atractivo. “Os Bichocos son uns insectos que viven na chamada Terra Malfadada, onde non nacen nin medran as flores e onde tampouco bailan as bolboretas. Os Bichocos descobren o compost da man do seu amigo, o caracol Ecocol, e aprenden a fabricalo ata conseguir unha terra tan boa que converte a Terra Malfadada no Xardín Máxico dos Bichocos”, explicaron as monitoras.

Unha vez finalizada a interpretación do conto, as e os escolares realizaron unha serie de actividades dinámicas e didácticas para comprender o proceso de fabricación da “terra máxica”: o compost. Entre elas estiveron o dominó de compostaxe, a proba dos residuos do tesouro, o crebacabezas dos Bichocos, o composteiro máxico, o Pictionary da Terra Máxica e o labirinto dos sentidos dos Bichocos.

Todas estas actividades lúdicas están supervisadas polo CEIDA, co que a Deputación asinou un convenio para dar a coñecer a compostaxe entre as e os máis pequenos co fin de que se conciencien da importancia de xestionar os residuos dun xeito sustentable. Habitualmente, as alumnas e alumnos se converten en perfectos docentes das súas familias cando chegan ás casas, onde convencen as e os adultos do seu contorno da necesidade de coidar o medio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.