As obras de acondicionamento e mellora da praza e da alameda de Covadonga en Ourense estarán rematadas en maio

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio supervisou esta actuación esta mañá, enmarcada no Plan Hurbe, cun investimento de 175.000 euros
Por o 06/03/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Ourense,Vigo,Xunta de Galicia
As obras de acondicionamento e mellora da praza e da alameda de Covadonga en Ourense estarán rematadas en maio
Compartir en:

Salienta a posta en valor dun 72 por cento da superficie de praza, co mellora da contorna e habilitando un espazo para facelo máis agradable para a vida pública e social de nenos e maiores.

O Plan hUrbe púxose en marcha en 2010 e o Goberno galego ten financiado e executado 157 actuacións en 114 concellos, cun orzamento de 123 millóns de euros. Ao longo de 2017 realizará un investimento de case 10 millóns de euros.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rematará as obras de mellora e acondicionamento da praza e da alameda de Covadonga en Ourense en maio. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a visita aos traballos desta actuación que se enmarca no Plan Hurbe, e que conta cun investimento aproximado de 175.000 euros.

Mato Otero, acompañada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Soneira, indicou que esta zona do concello presenta os típicos problemas que xera o seu uso combinado co paso do tempo, como un firme deteriorado, pola presenza das raíces das árbores, unha zona infantil pouco modernizada, unha iluminación dunha eficiencia enerxética mellorable ou o feito de que as canalizacións de rede eléctrica e telefonía son visibles, polo que se afea este parque.

Co fin de potenciar o uso das zonas públicas desta área, leváronse a cabo traballos para a remodelación da zona de xogos infantís, a creación dunha zona de elementos biosaludables, novo mobiliario, ou o asfaltado de máis de 2.500 m2.

Tal e como sinalou a conselleira non só se trata de mellorar o aspecto do contorno, senón tamén facelo máis agradable para a vida social e pública. Ademais, contribúese á rexeneración dun dos máis senlleiros espazos públicos do Concello de Ourense, e á calidade do tempo de lecer dos veciños máis novos e tamén dos de maior idade, coa posta en valor de case 3.400 metros cadrados de superficie totalmente renovados, ao reformarse un 72% de superficie da praza.

Plan hUrbe

A conselleira de Medio Ambiente recordou que o Plan hUrbe constitúe unha aposta decidida pola humanización das vilas galegas, mellorando os contornos urbanos, contribuíndo ao benestar dos veciños e incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación de comunidade. Desde 2010, ano no que se puxo en marcha, o Goberno galego ten financiado e executado 157 actuacións en 114 concellos, cun orzamento de 123 millóns de euros.

Para o actual exercicio manterase este esforzo inversor con case 10 millóns de euros no marco deste plan.