As participantes no IV Foro de Agroecoloxía coinciden na necesidade urxente de cambiar o modelo económico pola emerxencia climática

Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

As participantes no IV Foro de Agroecoloxía coinciden na necesidade urxente de cambiar o modelo económico pola emerxencia climática

O IV Foro Labrego de Agroecoloxía, que organiza a Asociación Herbamoura coa colaboración do SLG en Herbón, analizou na súa segunda xornada o impacto que ten o consumo nas súas diversas facetas na crise climática, e como podemos virar esa tendencia consumista para transformala en ferramenta de loita contra o quecemento global do planeta.

Nesta liña, a primeira palestra tivo como título “O noso modelo de consumo pode frear o cambio climático?” e reuniu ao economista e activista, Daniel Rodicio; Nanda Couñago, da ONGD Amarante Setem; e Patricia Iglesias, enxeñeira de montes e responsábel de Voluntariado e Activismo de Amigos da Terra.

Nanda Couñago denunciou todo o que agacha a Fast Fashion (moda rápida en forma de consumo masivo e breve de roupa barata): obsolescencia programada, roupa de usar e tirar, explotación laboral das mulleres, incremento do uso de transxénicos, uso masivo de tóxicos agrarios e industriais, etc. As cifras da segunda industria máis contaminante do planeta son arrepiantes: fabrícanse 100.000 millóns de prendas téxtiles ao ano, o que provoca o CO2 equivalente ao que producen 140 millóns de coches. Cada quilo de produto téxtil xera 2 kg de CO2. Como alternativa hai diversas experiencias da chamada Slow Fashion que aínda son minoritarias porque fabricar prendas con criterios de respecto ecolóxico e xustiza social e laboral dá produtos con prezos máis elevados do habitual que só se poderán introducir na sociedade a medida que esta vaia asimilando que a roupa debe ser para conservar e non para usar e tirar.

Daniel Rodicio, pola súa banda, desmontou o sistema industrial de produción de carne que domina na actualidade e que fixo desaparecer a relación integral entre animais domésticos e persoas para encaixar ambos nunha cadea de montaxe. Porén, o model o que se impuxo de gandería industrial que masifica animais en explotacións baséase no consumo masivo de pensos importados, antibióticos e desinfectantes dándonos unha carne cada vez de peor calidade e gravísimos problemas sanitarios de primeira orde como a crecente resistencia das bacterias aos antibióticos.

A última intervención da primeira palestra deste domingo foi de Patricia Iglesias, de Amigos da Terra, que falou de alimentos quilométricos e de como as políticas de liberación de mercados e tratados de libre comercio favorecen unhas distancias excesivas e innecesarias no transporte de alimentos. O 50% dos gases de efecto invernadoiro son producidos polo sistema alimentario se incluímos o transporte e, en 2011, os alimentos consumidos no Reino de España percorreron unha distancia media de 3.828 kilómetros antes de chegar á nosa mesa. A alternativa a todo isto pasa por potenciar o consumo de alimentos frescos, de tempada e producidos preto de onde se mercan.

Necesidade urxente de reducir drasticamente o noso nivel de consumo

A palestra coa que concluímos a mañá, nesta segunda xornada do IV Foro Labrego de Agroecoloxía foi a titulada “Que podo facer como consumidor/a para loitar contra o cambio climático?” na que se analizaron o consumo enerxético, de recursos ligados á tecnoloxía e de auga en agricultura, rematando co exemplo práctico de xestión de residuos do Concello de Allariz.

Iván Rodríguez Lombardero, coordinador do Sindicato Labrego Galego na Mariña e experto en cuestións de enerxía, explicou que a clave para loitar contra o cambio climático que xera o noso consumo enerxético comeza por reducir os nosos propios consumos. Tras unha boa manchea de consellos ao respecto, incidiu na necesidade de analizar a quen lle mercamos a enerxía que consumimos e apostar por pequenas compañías alternativas ao oligopolio eléctrico como a Cooperativa Nosa Enerxía.

O decano da Facultade de Economía da USC e vicepresidente de Véspera de Nada, Xoán Doldán, analizou o consumo de recursos ligado á tecnoloxía partindo dunha premisa incontrovertíbel: todos os recursos naturais teñen límites, mesmo os renovábeis. Así e todo, dende a segunda metade do século XX o consumo de recursos para fabricar bens tecnolóxicos medrou exponencialmente, superando moitos minerais e enerxías o seu pico produtivo a nivel mundial. Hoxe, vivimos en dous mundos simultaneamente: a biosfera e a tecnosfera, e a escaseza de recursos vainos obrigar a redeseñar produtos, sistemas socioeconómicos e procesos produtivos.

Pola súa banda, Xan Neira, profesor da Escola Politécnica de Lugo analizou o consumo de recursos hídricos pola agricultura. En rexións secas, como en Albacete, consúmense 1.000 litros de auga para regar 1 metro cadrado e producir un quilo de millo. Isto fixo que se preguntase se non sería máis cabal producir o millo en rexións con máis recursos hídricos en vez de realizar custosos e cuestionables transvases fluviais. Aínda que na Galiza temos máis recursos hídricos, nas nosas zonas de regadío (as principais son a Terra Chá, A Limia e o Val de Lemos) regamos mal e con moi pouca eficiencia.

Finalmente, María R. Lafuente, técnica de Adega, explicounos o exemplo práctico do Concello de Allariz na xestión de residuos. O consistorio alaricano logrou implantar a reciclaxe de residuos orgánicos no municipio, tanto a escala individual, como comunitaria e mesmo en sectores como a hostalería e os centros de ensino. O resultado final é que se están a xestionar moitas toneladas de lixo cada ano que deixan de transportarse a Sogama (Cerceda) para ser queimadas. En vez de xerar gases de efecto invernadoiro estase a xerar un abono de calidade cuxas analíticas revelaron que é apto para a agricultura ecolóxica.

Decrecemento ou barbarie

Xa pola tarde, tivemos unha palestra cun rico debate sobre os escenarios de futuro na que ningunha das persoas relatoras foi optimista vendo o camiño que levamos como civilización. Nacho Jorganes, de Verdegaia, lembrou que xa levamos 40 anos falando de cambio climático sen que até agora se fixese nada salientable por enfrontalo. De feito, tal e como explicou María Ballón, de Extinction Rebellion, os estudos científicos conclúen que, agora mesmo, existe un 1% de posibilidades de que os obxectivos de París de limitar a suba de temperatura a 1’5º, e un 5% de posibilidades de que quede por baixo dos 2º; pola contra, o máis probable é que suba entre 2 e 4’9º, bosquexando un futuro catastrófico. Todos coincidiron en que, tal e como afirmou Belén Rodríguez, de Adega, en que é urxente mudar o modelo económico imperante porque este lévanos ao colapso total e á liquidación da especie humana.

Comentar noticia

Your email address will not be published.