As pontes das Correntes, dos Tirantes e a pasarela peonil da Illa do Cobo estrean esta noite a súa iluminación ornamental

A iluminación base será branca, pero a ponte das Correntes sumarase, durante 5 minutos, ao espectáculo de iluminación de cores da ponte do Burgo.
Publicado por o día 31/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Despois de semanas de probas, o departamento de Obras Urbanas que dirixe o concelleiro Demetrio Gómez pon en marcha esta noite, a partir das 20.00 horas, a iluminación ornamental das pontes das Correntes, dos Tirantes e da pasarela peonil da Illa do Cobo, seguindo a liña de traballo iniciada no verán coa ponte do Burgo. As tres pontes terán unha iluminación branca a base de proxectores de tecnoloxía LED, que permitirán resaltar tanto as estruturas como crear unha nova panorámica do río Lérez. Como afirmou o concelleiro Demetrio Gómez, “cambiará a paisaxe
nocturna da cidade”.

Con este novo proxecto lumínico, a ponte das Correntes dispón de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable e con control único programable, o que permite un sistema de acendido de luces de cores similar ao que se instalou na ponte do Burgo.

Aínda que a iluminación será branca na maior parte da tarde-noite-madrugada, a ponte das Correntes sumarase ao espectáculo de luces de cores que se realiza cada noite na ponte do Burgo durante 5 minutos. Comezará esta mesma noite, polo que ao mesmo tempo, as dúas pontes amosarán un espectáculo de luces a cor similar.

Na ponte dos Tirantes as columnas e os tirantes foron iluminados por novos proxectores, e a este alumeado súmase, agora, o taboleiro, ao que se lle dá luz dende a parte baixa, cara á auga.

Ao respecto da pasarela peonil da Illa do Cobo, a iluminación ornamental consiste na instalación de cordóns leds nos tirantes e nos proxectores no arco para as persoas que camiñan.

A nova iluminación das tres pontes foi adxudicado á empresa Setga por 430.000 euros. Este contrato sufriu varios atrasos dado que a primeira adxudicación non deu froitos porque a empresa renunciou ao proxecto e a segunda adxudicación recaeu na empresa Setga que comezara os traballos cando sobreveu a pandemia, o que afectou á entrega de pezas indispensables para a instalación.

Logo da iluminación da ponte do Burgo tamén executada por Setga que realizou pezas únicas para ese proxecto respectando tanto patrimonio como o medio, queda agora pendente a iluminación ornamental da ponte de Santiago que se incluirá nun proxecto no que xa traballa o departamento.