As Pontes mobilízase para esixir a Endesa o desbloqueo da negociación colectiva e que respecte os beneficios sociais

A empresa deixou caer o convenio e agora pretende laminar os dereitos do persoal
Publicado por o día 13/01/2019 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

As Pontes mobilízase para esixir a Endesa o desbloqueo da negociación colectiva e que respecte os beneficios sociais

Centos de traballadores/as en activo e persoal xubilado ou vinculado á central térmica das Pontes mobilizáronse este venres en defensa do V convenio marco do Grupo Endesa, que a empresa deixou caer tras máis dun ano de negociacións sen acordo, e a decisión unilateral da empresa  de eliminar os beneficios sociais (salario en especie) que tiña todo o persoal.

Fronte a esta medida da empresa, centos de persoas manifestáronse este venres dende a Praza do Hospital das Pontes até as portas da central térmica, en defensa dun convenio digno e dos dereitos adquiridos e para alertar do impacto que terá unha medida deste calado na comarca. Na entrada das instalacións sumáronse á protesta os traballadores e traballadoras da térmica, que hoxe desenvolveron un paro laboral de media hora.

O persoal, sen convenio de referencia

Cómpre lembrar que, logo dun ano de reunións infrutuosas, a finais de decembro Endesa disolveu a Mesa Negociadora o que supón que dende xaneiro os traballadores e traballadoras, por mor da reforma laboral ao non existir ultra-actividade, están sen convenio de referencia. Aproveitando esta circunstancia, a empresa está enviando cartas con acuse de recibo a cada empregado/a para informarlle de como quedan a partir de agora as súas condicións individuais e, ao denominado persoal pasivo (xubilación, incapacidade, orfandade e viuvez) comunicoulle que se procederá a eliminar os beneficios sociais que agora teñen nun prazo de seis meses.

A vindeira semana está convocada en Madrid unha reunión entre os diferentes comités e os colectivos de persoal afectado para coordinar unha resposta unitaria e concreta e trasladarlle aos sindicatos presentes na mesa de negociación “cal é a nosa actuación común”.
Porén, o feito de que Enel se poida aproveitar do actual marco legal (que limita a ultraactividade a un ano) para deixar sen convenio de referencia a miles de traballadores e traballadoras “é tamén responsabilidade do Goberno que aprobou a reforma laboral e de quen non a derrogou”.

Relato dun saqueo

Neste conflito non cómpre perder de vista que Endesa foi unha empresa estatal, privatizada polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP para, finalmente, volver ser unha empresa pública, pero en mans da eléctrica estatal italiana, Enel, que posúe o 70% do accionariado. Aínda que comercialmente siga mantendo a marca Endesa, a propiedade maioritaria é de Enel España.

Para branquear a toma do goberno italiano dunha empresa do sector eléctrico do Estado Español, na OPA tamén participou a empresa Acciona de Entrecanales; a presenza de Acciona en Endesa apenas durou ano e medio e, como pago da súa colaboración, fíxose coa división de xeración renovábel de Endesa.

Unha vez asentada Enel en Endesa, segregou os activos de Endesa en Latinoamérica, que pasaron a ser de Enel en exclusividade.

Estas dúas actuacións deberían espertar o interese político sobre como se descapitaliza unha empresa que no seu día foi estatal, pero non se coñece ningunha reacción dos Gobernos do Estado e por iso, Enel continuou o seu particular saqueo de Endesa. Como maior accionista impuxo unha xenerosísima política de dividendos, obrigando a que todos os beneficios de Endesa pasen directamente a dividendos que, a súa vez, son cobrados por Enel. Isto que obriga a Endesa a endebedarse para os novos investimentos.

Como continuidade da súa política de baleirado, Enel quere entrar agora nos compromisos que Endesa ten co seu cadro de persoal, particularmente co persoal pasivo e que, por obriga das auditorías, debe provisionar no seu balance económico.

Comentar noticia

Your email address will not be published.