As poxas solidarias do colexio da Reigosa coa axuda de ilustradores galegos recadan máis de 1.000 euros

Satisfacción polo resultado dunha iniciativa que dará pé a unha actividade de reforestación forestal en Ponte Caldelas
Por o 24/05/2018 | Sección: Galicia,Ponte Caldelas
As poxas solidarias do colexio da Reigosa coa axuda de ilustradores galegos recadan máis de 1.000 euros

As poxas solidarias sobre as creacións de 17 dos máis coñecidos ilustradores do libro galego foi todo un éxito. A iniciativa organizada polo colexio de A Reigosa,  coa colaboración do Concello de  Ponte Caldelas,  saldouse cunha recadación total de 1.037,35 euros. O centro utilizará os fondos para iniciativas de reforestación e concienciación  ambiental para paliar os efectos dos lumes forestais do pasado 15 de outubro.

A exposición, que levaba por título “Por un mundo máis verde”, partiu da inquedanza do departamento de Dinamización da Lingua Galega do centro e estivo impulsada polas profesoras Tania Rivas e Estefanía Torres. As  ilustracións estiveron expostas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas xunto cunhas caixas para  depositar as poxas das persoas interesadas en adquirilas. O resultado é que se venderon todas a prezos moi superiores aos agardados.

“Buscamos a axuda dos ilustradores que máis nos gustaban e atopámonos con que responderon de seguido, enviando as súas creacións”, subliñaron Tania e Estefanía. A maioría das obras estaban deseñadas en formatos dixitais, pero tamén había algunha feita a man. Xunto coas 17 ilustracións expuxéronse tamén dous cadros feitos polo alumnado do centro, que tamén foron obxecto de poxa.

As 17 ilustracións correspondían a Eva Agra, Cristina Ouro, Abraham Carreiro, Xan López, María Montes Sueiro, Carlos Taboada, Kiko Dasilva, David Pintor, Luz Beloso, Iria Iglesias, Lucía Cobo, Óscar Villán, Nuria Díaz, María Fernández Novoa, Michel Casado, Dani Viéitez e Natalia Rey Pirusca.

Comentar noticia

Your email address will not be published.