As primeiras iniciativas de En Marea reclaman solucións para Navantia, a ría do Burgo, Alcoa e a creación de novos órganos xudiciais

Publicado por o día 23/02/2016 na sección de En Marea,Política

As primeiras iniciativas de En Marea reclaman solucións para Navantia, a ría do Burgo, Alcoa e a creación de novos órganos xudiciais

Entre as proposicións non de lei que En Marea levou hoxe á Mesa do Congreso figura a solicitude dun plan industrial para Navantia que garanta o futuro dos estaleiros, con actuacións de emerxencia para aumentar a carga de traballo.

Dende En Marea enténdese que a empresa pública “está sufrindo unha pésima xestión política” que está estrangulando os estaleiros da ría de Ferrol, do que son bo exemplo todas as “mentiras electorais comprometidas polo PP e que non se fixeron realidade, coma o dique flotante ou a armada de buques mexicana desaparecida”. Noplan industrial para Navantia proposto por En Marea figuran medidas coma o recoñecemento por parte do Estado do sector naval coma estratéxico, o impulso a un contrato entre o Ministerio de Defensa e Navantia que recolla as necesidades da Armada española, un programa estatal que fomente a exportación de produtos realizados nos estaleiros e a constitución dun polo de investigación e innovación en colaboración coa Universidade.

Outra das iniciativas presentadas por En Marea refírese á necesidade de acometer o saneamento da ría do Burgo, na Coruña. En Marea insta ao goberno a presentar un calendario de actuacións que permitan realizar de maneira urxente a rexeneración da ría, a recuperación dos bancos marisqueiros e o dragado comprometido para facer realidade o saneamento integral da ría. En Marea solicita ademais medidas compensatorias de carácter económico en apoio do sector marisqueo mentres se proceda á recuperación da ría e posteriormente, mentres se actúa para recuperar o contorno ata que a ría sexa produtiva.

No ámbito da xustiza, En Marea presentou unha PNL para a creación de novos órganos xudiciais en Galicia, concretamente os recollidos na última memoria de Xulgados e Tribunais de Galicia: 1 praza do Social no TSXG, 1 xulgado do Social e outro do Mercantil en Vigo, 1 praza para a Sección VI da Audiencia Provincial de Vigo, 1 xulgado especializado en dereito da familia en Vigo, 1 xulgado do Social en Vigo, 1 praza na Sección I da Audiencia Provincial de Lugo e 1 xulgado de 1ª instancia especializado en dereito á familia en Ferrol. Para En Marea “a situación actual dalgúns órganos xudiciais en Galicia non pode manterse por máis tempo. Galicia precisa con urxencia un amplo impulso á creación de novos órganos para garantir o principio constitucional da tutela xudicial efectiva”.

Finalmente, no referente á empresa Alcoa, En Marea presentou un iniciativa instando ao Goberno a implementar medidas que leven a melloras no sistema de subasta, “tanto no aspecto temporal da oferta como na contía dos bloques da mesma”. Asimesmo, as deputadas e deputados de En Marea reclaman que se garanta o emprego da planta coruñesa de Alcoa e que dende a empresa se implemente un plan de investimentos que favoreza o aforro enerxético, a rebaixa de emisións contaminantes e o desenvolvemento da actividade produtiva no noso país. En definitiva, En Marea considera que é responsabilidade do Goberno desenvolver as actuacións pertinentes para a redifinición dun sistema enerxético galego social e sostible.

PRENSA EN MAREA