As provincias de Lugo e Ourense as máis afectadas polo impacto do vento

Publicado por o día 04/05/2020 na sección de Galicia,Lugo,Ourense

As provincias de Lugo e Ourense as máis afectadas polo impacto do vento

O tellado dun edificio de nove plantas situado na Rúa Muralla, en Verín, caeu esta tarde sobre a rúa, debido á intensidade do vento que zoaba neses intres na localidade. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, iso si, víronse afectados un coche e o tendido eléctrico.

O 112 Galicia, sobre as 16:15 horas, recibiu a chamada de varios particulares que informaban de que o tellado dun edificio saíra voando ata a estrada. Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Verín, que axiña se desprazaron ata punto.

Unha vez no lugar, os Bombeiros confirmaron que só houbera danos materias. Ademais dos Bombeiros, foron avisados os axentes da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil. Así mesmo, foron informados o persoal da compañía eléctrica que abastece a zona.

En Monforte de Lemos, tamén o vento mobilizou aos servizos de emerxencia. Neste caso, case á mesma hora, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia da caída do tellado dun Instituto no mesmo recinto do inmoble, situado na Rúa de San Pedro. Ademais, outro particular indicaba que o vento levara por diante parte da estación de autobuses.

En Xinzo de Limia, a caída dunha árbore interrompía a circulación na estrada que enlaza a Autovía coa  N-525, no tramo do Polígono Industrial.

Estes foron algúns dos incidentes máis destacados e  rexistrados no 112 Galicia, que desde as 12:00 horas deste mediodía ata as 18:00 horas, contabilizou un total de 166 incidentes. A maioría na provincia de Lugo con 105 incidentes, seguida a provincia de Ourense con 43 incidencias rexistradas, 10 na provincia da Coruña e 8 na provincia de Pontevedra.

A tipoloxía máis repetida foi a de árbores ou pólas desprazadas e caídas nas estradas cun total de 82 incidencias na provincia de Lugo e 27 na provincia de Ourense.

Pese á alerta decretada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía para o día de hoxe de nivel amarelo por tormentas, especialmente para a provincia de Lugo, cómpre sinalar que ditos fenómenos poden vir acompañados de fortes ventos, chuvias e sarabiadas. Por iso, desde o 112 Galicia recordamos extremar as precaucións no caso de verse obrigados a facer algún desprazamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.