As ‘Proxeccións cartográficas do ser’, de Ciro Fernández, fanse co Premio de Ensaio da Universidade

Os traballos de Rebeca López, en ensaio e María Reimondo, en banda deseñada, reciben os accésit
Publicado por o día 07/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As ‘Proxeccións cartográficas do ser’, de Ciro Fernández, fanse co Premio de Ensaio da Universidade

Este verán a Área de Normalización Lingüística da Universitaria lanzaba unha nova convocatoria de premios coa intención de abrir o abano creativo a outros xéneros máis aló da poesía, o relato e a tradución. Animaba así á comunidade universitaria a presentar os seus traballos de banda deseñada e ensaio na procura da calidade lingüística e a creatividade en lingua galega nestas dúas modalidades. Unha vez pechado o prazo de recepción das obras e tras as deliberacións do xurado, os premios, convocados ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para a promoción da lingua galega,  xa teñen gañadores.

Na modalidade de ensaio o primeiro premio foi para Ciro Fernández, por un traballo titulado Proxeccións cartográficas do ser, mentres que o accésit foi para Rebeca López, polo ensaio O que teña que ser, será. Urxa: unha visión sobre a meiga galega. No que se refire á modalidade de banda deseñada, o xurado acordou deixar deserto o 1º premio e conceder un accésit ao traballo Os heroes do medio, de María Reimondo Saá.

Pero ademais, para Ciro Fernández este non é o único galardón, xa que tamén acaba de ser galardoado no certame Xuventude Crea, convocado pola Xunta de Galicia, na modalidade de poesía. A súa obra, A bóveda do ceo, foi seleccionada polo xurado entre 58 pezas, todas elas orixinais, inéditas e en galego.

O camiño que precede ao mergullo nun mesmo

Ciro Fernández acaba de rematar o grao en Educación Primaria en Pontevedra e para el, ter recibido este galardón é “un estímulo para seguir creando e sobre todo mellorando no que poida crear nun futuro”. Explica que con Proxeccións cartográficas do ser o seu obxectivo era “representar o escenario previo a esa viaxe introspectiva, esa carreira previa á batida ou o camiño que precede ao mergullo nun mesmo e nos seus adentros. Procuraba ser capaz de representar os elementos implicados nesa experiencia ao mesmo tempo que a vivía e debuxar o mapa sobre o que camiñaba do xeito máis preciso e persoal posible. Púxenme a ler, estudar e sobre todo reflexionar o máximo posible tentando acadar certa rigorosidade e coherencia pero sen perder a naturalidade que implica”.

Con todo, considera que este ensaio é “un traballo inacabado no sentido en que dá para máis, tanto en contido como en dedicación, e persoalmente gustaríame que formase parte dun ensaio máis amplo e minucioso sobre a introspección”.

“Un xénero que implica un traballo reflexivo e crítico altísimo”

Abrir os certames de creación literaria a novas modalidades é para Ciro Fernández un acerto. No seu caso, o lanzamento da convocatoria dos premios da ANL deulle “o pulo necesario para pórme a traballar no que levaba tempo pensando. Sabía que estaba no momento persoal adecuado porque estaba imbuído nese aire íntimo e profundo e levaba tempo pensando en escribir unha saída a toda as preguntas e posibles respostas arredor desa atmosfera. Paréceme que a aposta da Universidade é acertada, pois creo que o ensaio é un xénero que implica un traballo reflexivo e crítico altísimo, e por tanto, cantas máis oportunidades se nos ofrezan maior capacidade teremos de crear unha comunidade con ditas características”.

Os traballos premiados serán publicados

O gañador recibirá un premio de 700€ e dous accésits de 250€ para cada unha das modalidades. Ademais, os traballos serán publicados no Servizo de Publicacións da UVigo, o que permitirá, segundo Fernando Ramallo, director da ANL, “unha excelente distribución entre toda a comunidades universitaria, mais tamén en bibliotecas e librarías de Galicia e do resto do estado a través do portal Unebook da Unión de Editoriais Universitarias (UNE)”.

O xurado estivo presidido, por delegación do reitor, pola profesora Helena Cortés, xunto con María Mediero, da Editorial Catro Ventos; Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo; Susana Rodríguez Barcia, profesora da Universidade de Vigo; Francisco Sampedro, ensaísta; José Andrés Santiago, profesor da Universidade de Vigo e Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística con voz, pero sen voto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.