As tecnoloxías e a comunicación sen barreiras centran un seminario web organizado por atlanTTic

A sesión reuniu a representantes de asociacións de persoas xordas, investigadores e empresas
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As tecnoloxías e a comunicación sen barreiras centran un seminario web organizado por atlanTTic

Co obxectivo de afondar en como a tecnoloxía innovadora podería facilitar a comunicación entre persoas xordas e oíntes, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, organizou nas última horas o seminario web Tecnoloxía e comunicación sen barreiras. A catedrática a UVigo Carmen García Mateo foi a encargada de presentar a sesión, na que se trataron os posibles casos de uso das novas tecnoloxías para facilitar a comunicación entre persoas xordas e oíntes, ao tempo que avanzou a intención de que este primeiro webinar sexa un punto de partida para futuras xuntanzas nas que poder abordar a temática, sempre desde unha perspectiva global tendo en conta os puntos de vista tanto das persoas xordas como das oíntes.

No seminario web participaron máis de medio cento de persoas, que tiveron ocasión de interactuar cos poñentes ao remate das súas intervencións a través da plataforma.

Retos tecnolóxicos e necesidades da comunidade xorda

A primeira intervención correou a cargo do investigador José Luis Alba Castro, que deu a coñecer o proxecto Speech&Signs que están a desenvolver conxuntamente o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic e o grupo Grades da Facultade de Filoloxía e Tradución. Este proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, céntrase na investigación do procesamento de imaxe e visión artificial, o recoñecemento automático da linguaxe de signos, e o desenvolvemento de novos sistemas e algoritmos para mellorar as canles de comunicación verbal e non verbal de linguaxes falados e de signos. Alba abordou os retos aos que se enfrontan á hora de codificar, procesar e automatizar as secuencias de vídeo de alta calidade, que posteriormente lles permitirán crear unha base de datos con vídeos en LSE, para o que é vital a colaboración con asociacións e colectivos de persoas xordas.

Pola súa banda, Teo Atienza Cañada, cofundador e CEO da startup Showleap Technologies, que deseñou un dispositivo de tradución automática de lingua de signos a voz, insistiu na importancia de que o mundo oínte conviva coa comunidade xorda para “coñecer os seus problemas e construír solucións reais”. Tras a súa presentación, foi a quenda de Iker Sertucha Lista, presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), quen afirmou que as novas tecnoloxías son fundamentais para facilitar a calidade de vida da comunidade xorda, e que ningunha tecnoloxía substitúe a outra, senón que “todos os recursos veñen a sumar”. Sertucha abordou na súa intervención aspectos como a fenda dixital, as diferencias xeracionais, o sobre custo de moitos servizos que sofren as persoas xordas, a necesidade de máis formación en lingua de signos, que continúan a  provocar dificultades e exclusións na vida diaria da comunidade xorda, ademais de destacar o papel “salvador” que tiveron e están tendo as TIC durante a pandemia da covid-19.

O último relatorio foi o de Isabel Cabo Guerra, responsable de accesibilidade da Confederación Estatal de Personas Sordas (CNSE), que aproveitou a súa presentación para centrarse nas dificultades que continúan existindo na accesibilidade á información e á comunicación das persoas xordas en España e deu a coñecer os principais programas que teñen en marcha actualmente na CNSE, como o servizo de vídeo interpretación SVisual ou a plataforma de atención e información sobre a  violencia de xénero ALBA.

A importancia dunha educación bilingüe, a visibilidade social, a igualdade de dereitos ou as solucións e avances tecnolóxicos, foron outros dos aspectos que se trataron ao longo do seminario, que estará dispoñible proximamente na páxina web de atlanTTic.

Comentar noticia

Your email address will not be published.