As traballadoras/es de Pull&Bear España logran o obxectivo de non traballar nas tardes dos venres

A CIG considera un logro histórico acadar esta vella reivindicación da que se beneficiará todo o persoal de oficina do Grupo Inditex
Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Empresas

As traballadoras/es de Pull&Bear España logran o obxectivo de non traballar nas tardes dos venres

A sección sindical da CIG na empresa Pull&Bear España considera acadado o obxectivo que se marcou cos chamados “venres negros”. A finalidade de acudir a traballar vestidos e vestidas de negro non era outra que reivindicar unha xornada que facilitase a conciliación da vida laboral e persoal das traballadoras/es.

“O primeiro obxectivo marcado foi o de conseguir que os venres pola tarde non se tivese que acudir ao posto de traballo e se flexibilizara o horario de entrada e de saída pola semana”, explica o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle.

No día de onte, martes, a empresa anunciaba a medida. “Medida, subliña Cartelle, que se estende agora todo o persoal de oficinas do grupo INDITEX”.

Seguimento elevado da medida reivindicativa

Cartelle lembra que o seguimento dos actos reivindicativos foi moi alto “e os venres a maior parte do persoal acudía vestida de negro para reivindicar esta mellora, a pesar das presións que a empresa exerceu a través dos seus responsábeis de seccións”.

Para a sección sindical da CIG en Pull&Bear queda demostrado novamente que “cando o cadro de persoal está unido e coas ideas claras do que pretende, acábanse acadando os obxectivos definidos”.

A sección sindical enviou un comunicado as traballadoras e aos traballadores agradecendo o seu esforzo e destacando que as reivindicacións colectivas e organizadas son o camiño para lograr melloras nas condicións de traballo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.