As trampas de Caballero para denegar o “cheque social”

Publicado por o día 31/12/2015 na sección de ODS Coia,Social

As trampas de Caballero para denegar o “cheque social”

Na última asemblea da ODS-Coia escoitabamos a varios compas que ficaban sen o publicitado “cheque social” após madrugar para facer colas, após entregar unha chea de documentación, após agardar meses… O venres 11 de decembro varias veciñas recibían notificacións nas que se lles indicaban os motivos da denegación. O luns 14 até cinco persoas viñeron ao punto coas denegacións na man na procura de solucións. Tras a decepción e a carraxe, chegaba o momento de artellar respostas colectivas e organizadas: denunciar publicamente esta convocatoria miserenta e recorrer as solicitudes denegadas. Na maioría dos casos estas viñan “por superar ingresos máximos”. Aquí temos unha das trampas que tentaremos explicar.

A bases da convocatoria de 2015 eran extremadamente restritivas no que aos ingresos máximos da unidade familiar se refire. Así, por exemplo, unha familia de 4 membros non podía superar os 450 €/mes, unha de 5 os 500 € ou unha de 6 os 550 €.

A maiores disto, as bases non especifican o período de tempo ou o momento no que se van computar eses ingresos máximos, nin se se vai facer unha prorrata ou unha valoración de ingresos medios… Parécenos que esta indefinición é totalmente deliberada e consciente, para poder “deixar fóra” das axudas a un bo número de familias: 1.200 solicitudes denegadas, de 3.000 presentadas.

Coas resolucións na man, tiñamos que o Concello realizou un exercicio “perverso” no que buscaron os momentos, os meses ou os periodos nos que as solicitantes superaron eses ingresos máximos permitidos. Atopámonos con familias que durante meses non chegaban a eses límites e que, porén, de xeito puntual si os superaron. E a axuda se lles denega en base a isto.

A maiores temos que engadir o atraso na resolución das axudas, que fixo que o Concello requirise de nova documentación económica ás solicitantes, de xeito que se ampliaron os meses para buscar e utilizar o momento concreto (incluso posterior á propia convocatoria) en que as familias tiveron máis ingresos.

Unha vez máis temos que aturar estas políticas miserentas, que á insuficiencia de contías temos que engadir o dano que fan na percepción social da pobreza. Dar esmolas condicionadas, insuficientes, tras meses de espera… está moi lonxe de garantir unha vida digna para todas. Semella que o interese reside en individualizar, e polo tanto, responsabilizar e someter, ás persoas que sofren infinidade de carencias e de problemas sociais, que teñen con este sistema que (des)organiza as nosas vidas.

Fronte a isto esiximos a repartición da riqueza de todas. Os mínimos para unha vida digna teñen que estar garantidos, é dicir: vivenda, alimentación, luz-auga-gas… Eles reparten esmolas e nós esiximos dereitos fortes, o que moitas chamamos Renda Básica das iguais e moitísimo máis.

PRENSA ODS COIA